Outra gran eléctrica no punto de mira por cobro abusivo

O fiscal pide paralizar os cobros atrasos de máis dun ano de Gas Natural Sur por supostas irregularidades nos contadores. A empresa négao e di que isto suporía un “altísimo custo para a empresa, que tería que cambiar o seu sistema de facturación”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/03/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O xulgado do mercantil número un da Coruña estuda impoñer medidas cautelares contra Gas Natural Sur logo do procedemento iniciado polo Ministerio Fiscal contra o cobro abusivo de facturas eléctricas.

Funcionamento dun contador de luz dixital
Funcionamento dun contador de luz dixital | Fonte: domoelectra.com

O fiscal solicitou ante o xuíz que se suspendan de maneira cautelar os cobros de Gas Natural Sur de atrasos de máis dun ano que levan o aviso dun porte de subministración e a posible inclusión dos clientes nunha lista de morosos. Unha medida que non acepta a empresa que negou que esta práctica se realice e destacou que a suspensión protexería aos clientes que defraudan.

"Debe evitarse que esa conduta que consideramos ilícita se prolongue durante a duración deste procedemento", asegurou o fiscal, que considera que "a demora non é imputable ao consumidor", aínda que permite que se cobre con atraso se o cliente "é defraudador". Así, mantivo que se trata dunha "práctica abusiva e ilegal" e actúa para "protexer os intereses difusos do consumidor" ante unha actuación "sostida ao longo de moito tempo" na que non se pode esperar a que a sentenza sexa efectiva".

O representante de Gas Natural Sur, a empresa comercializadora de Gas Natural Fenosa que funciona de maneira paralela á subministradora, defendeuse aludindo a un "defecto no modo de propor a demanda" porque cre que se confunden as compañías nun sistema con "dualidade" de operadores e contratos.

Precisamente, este é un recurso que utilizan moito estas multinacionais que crean distintas empresas para a distribución e comercialización da enerxía. Por iso, Gas Natural Sur suliñou que a empresa responsable da lectura é a distribuidora e a que cobra é a comercializadora, e polo tanto, non ten que ver co cobro abusivo de facturas.

Ademais, destacou que, en 2015, segundo os seus datos, foron 15.700 as facturas corrixidas de maneira posterior, das que 3.200 resultaron nun abono para os clientes mentres que 4.500 chegan de fraudes, unha cifra total que supón "o 0,03 por cento do número de facturas de Gas Natural Sur". “Se o xuíz aceptase a petición do fiscal habería un altísimo custo para a empresa, que tería que cambiar o seu sistema de facturación”, criticou.

GC ten publicado xa varias informacións sobre denuncias de varias destas grandes compañías por cobros abusivos da tarifa eléctrica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta