Lara Méndez di que o obxectivo prioritario do PSdeG agora son as xerais

Cre que elixir candidato do PSdeG á Xunta "non ten présa inmediata" e que o máis importante é conformar un goberno no Estado "progresista e de esquerdas".

Por Galicia Confidencial | Lugo | 21/03/2016 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, é partidaria de aprazar as primarias para centrarse na conformación dun Goberno estatal "progresista e de esquerdas". Ese é, cre, o gran obxectivo que debe de ter o PSdeG nas vindeiras semanas logo da dimisión de José Ramón Besteiro como secretario xeral deste partido e a constitución dunha xestora.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo

"Elixir candidato agora non ten présa inmediata porque o primeiro é axudar a formar un Goberno estatal de esquerdas e progresista", dixo en declaracións aos medios nun acto en Lugo. Por iso, amosouse partidaria de esperar a elixir novo candidato do PSdeG ás eleccións galegas porque, insistiu, nestes momentos, "está constituída unha xestora que será a que despois marque os tempos".

"Evidentemente esa xestora será a que capitanee o proceso de primarias e despois virán os procesos de renovación das executivas", apuntou. Así, lembrou que a súa postura coincide coa aprobada no último comité nacional do PSdeG, que decidiu aprazar as primarias para centrarse na "conformación dun Goberno estatal progresista e de esquerdas como quixo a cidadanía nos últimos comicios".

E, preguntada por quen sería o mellor candidato socialista para competir pola Presidencia da Xunta, foi contundente: "Eu tiña un candidato claro e manifesto que era José Ramón Gómez Besteiro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta