Besteiro denuncia a Pilar de Lara por prevaricación xudicial

"Nunca antes na historia xudicial desde a nosa Constitución se produciu un caso semellante en Galicia", di o seu avogado que critica á maxistrada por buscar "titulares de prensa". A xuíza pide nova documentación á Deputación de Lugo.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 22/03/2016 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

As investigacións xudiciais da xuíza Pilar de Lara ao xa ex secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, camiñan xa cara un enfrontamento xudicial entre os dous tras a denuncia do político socialista contra a maxistrada por un delito de prevaricación xudicial.

Besteiro presentando documentación sobre o seu piso no marco da denuncia do caso Garañón
Besteiro presentando documentación sobre o seu piso no marco da denuncia do caso Garañón | Fonte: PSdeG

Besteiro, que está imputado por dez delitos pola xuíza de Lara no chamado caso Garañón e na Operación Pulpo, di sentirse "vexado" por "un estado das cousas que resulta do todo esperpéntico".

O avogado de Besteiro, Sánchez-Beira aprecia, na súa última imputación na Operación Pulpo, unha "resolución inxusta" probablemente coa finalidade de "obter unha repercusión mediática" porque o auto, subscribe, foi "filtrado inmediatamente á prensa" coa vontade de "vexalo (a Besteiro) nunha sorte de castigo anticipado".

Neste caso, de Lara trata de esclarecer se na Deputación de Lugo, que Besteiro presidiu desde o ano 2007 ao 2015, xestiou fondos de maneira irregular e, neste sentido, se se sufragaron viaxes á India, a Eurodisney e un cruceiro polo Rhin, os cales, segundo informa a representación legal de Gómez Besteiro, corresponden á etapa do falecido Francisco Cacharro (PP) á fronte do ente provincial, que é anterior.

Así, critica que a xuíza coñecía as datas deses desprazamentos e que polo tanto é "inxusta" a imputación, o que se demostrará coas "explicacións que se lle darán e que ela sabe inevitables, pero o enorme dano mediático e reputacional xa foi logrado".

"Resulta todo esperpéntico eses caudais públicos para viaxes suntuarios, dos que a xuíza ocultou no seu auto coidadosamente as datas, pero non así os importes", recolle a sentenza. "Provocaron gran escándalo e alarma social e de Lara ocultou tan coidadosa como dolosamente a data das facturas para que non se descubrise que a súa imputación era falsa", engade.

Por iso, denuncia á xuíz por prevaricación xudicial, recollido no artigo 446 do Código Penal, que fixa que calquera xuíz ou maxistrado que, a propósito, ditase sentenza ou resolución inxusta, pode ser castigado coa pena de multa de 12 a 24 meses e inhabilitación especial para emprego ou cargo público por un tempo de 10 a 20 anos cando ditase unha sentenza ou resolución inxusta.

"É algo moi serio e máis sabendo que se trata dunha persoa pública -Gómez Besteiro- e que iso ía ter unha forte repercusión. De Lara coñecía perfectamente tanto as datas das viaxes como que entón o afectado non presidía a Deputación de Lugo", manifesta Sánchez-Beira.

Así mesmo, asegura que "nunca antes na historia xudicial desde a nosa Constitución se produciu un caso semellante en Galicia" e fai fincapé na "teimosía" desta maxistrada en "crer que calquera actividade política é 'per se' corrupta", algo que a levou a ditar noutras moitas ocasións anteriores resolucións obxectivamente inxustas".

Neste sentido, critica que de Lara "imputa por todas as partes a políticos, empresarios e outros en instrucións habitualmente secretas e case sempre interminables", feito que "non é o que poderiamos dicir normal nun xuíz de instrución".

"Se o obxectivo era un titular de prensa, pertence ao arcano da súa conciencia", afirma, e incide na "anormalidade democrática e xudicial" que, á súa entender, supón que un determinado xulgado, unhas veces por uns motivos e outras, por outros, "dá igual", teña presenza continua nos medios de comunicación, fronte ao labor eficaz e calado doutros moitos "que traballan moito e moi ben nas causas que lle son asignadas por rigorosa orde de repartición sen extralimitacións de clase algunha".

A xuíza pide documentación á Deputación de Lugo

Por outra banda, axentes de Policía, da Unidade de Delitos Económicos e Financeiros (UNEF), voltaron este martes á Deputación Provincial de Lugo para notificar á institución a documentación que debe entregar ao Xulgado de Instrución Número 1, que dirixe Pilar de Lara, no marco da denominada Operación Pulpo.

A instrutora pide que se certifique a identidade e os postos de traballo de todo o persoal que prestase servizo na unidade do programa KM0, "especificando o período temporal", as "funcións" de cada traballador e a "forma de acceso aos postos". Tamén pide que se especifique "quen foron" os "superiores xerárquicos" deses traballadores.

Reclama, ademais, que o secretario e o interventor da institución acheguen un "informe detallado" no que se certifique de forma individualizada todas as cantidades investidas, ingresos e gastos realizados con relación ao programa Lugo Ou2", financiado con fondos europeos, así como "as normas" nas que "conste a inclusión" do KM0 en "o citado proxecto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mira que non soporto aos políticos do PSOE pero quen sabe se por fin algún vainos facer un favor a todos coa denuncia contra esta cousa que nin xulga nin deixa xulgar e leva mareando nin se sabe o tempo sin que niguén sexa condeado por NADA !!! De xuizas neuróticas liberanos domine !!!