Feijóo viaxará a Cuba por segunda vez

O presidente galego acudirá en maio ao plenario do Consello de Comunidades Galegas. A Xunta lembra que Feijóo foi un dos primeiros en visitar a illa en 2013 antes de que o fixeran outros "mandatarios estranxeiros".

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/03/2016 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, voltará novamente a Cuba. Será a súa segunda visita á illa caribeña logo da que realizou en 2013 e, desta volta, irá para presidir o XI plenario do Consello de Comunidades Galegas xunto coas "máximas autoridades da República de Cuba".

Alberto Núñez Feijóo nunha xuntanza con Raúl Castro
Alberto Núñez Feijóo nunha xuntanza con Raúl Castro | Fonte: Xunta

Precisamente, a Xunta lembrou nun comunicado que Núñez Feijóo xa visitou a Habana como presidente galego "moito antes de que o fixesen moitos outros mandatarios estranxeiros". Unha clara alusión á recente visita que realizou a Cuba o presidente dos EE.UU., Barak Obama.

Entón aproveitou a súa visita para "renovar, relanzar, fortalecer e pór ao día" a relación entre Galicia e o pobo cubano e para venderlle a Raúl Castro a transición española. “O pobo cubano ten amosado a súa capacidade para avanzar en moitos momentos da súa historia e tanto España en xeral, como Galicia en concreto, temos unha gran confianza en que o siga facendo no futuro”, comentáballe entón ao mandatario cubano.

"Galicia e Cuba sempre mantiveron ao longo da súa historia unha profunda, estreita e permanente relación, unha relación de auténtica irmandade, por encima das distancias xeográficas ou ideolóxicas", destacou o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda. "Coa nosa presenza na Habana neste momento de actualización do seu modelo económico, Galicia tamén quere estar á beira do pobo cubano, novamente para axudar", inbdicou.

Rodríguez Miranda apuntou que na "profunda relación" entre ambas as beiras do Atlántico "á marxe de distancias xeográficas ou políticas" foi pioneira a presenza na illa do falecido presidente da Xunta Manuel Fraga Iribarne, "que recuperou as históricas vinculacións".

Fidel Castro e Manuel Fraga
Fidel Castro e Manuel Fraga

O Goberno galego lembra que A Habana "marcou varios coñecidos fitos na Historia de Galicia", xa que alí, por exemplo, estreouse o Himno galego a principios do século XX e foi destino de decenas de miles de galegos.Por iso, Feijóo quere aproveitar a ocasión para visitar a illa novamente.

Este consello, cuxo plenario se reúne cada tres anos, é o órgano de representación dos galegos fóra de Galicia e "a máxima voz autorizada" da diáspora, destaca a Xunta, que explica que a elección da Habana, onde se reunirá o plenario os próximos 27 e 28 de maio, foi unha proposta "unánime" da representación dos galegos do exterior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta