Temas: CARRIL BICI

Máis de 2,5 millóns para camiños peonís e de bicicleta na comarca de Santiago

O DOG publica este martes a licitación das obras da primeira das sendas, os dous quilómetros que unirán Vidán con Laraño no termo municipal de Santiago. Tamén hai previstos carrís en Ames, Brión, Touro, Vedra e Teo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/03/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou este luns que a Xunta investirá máis de 2,6 millóns de euros no Plan Sendas de Galicia na comarca de Santiago, que sumarán 15,6 quilómetros de actuacións.

Un carril bici en Carballo
Un carril bici en Carballo | Fonte: Turismocarballo.com

Segundo explicou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, as sendas previstas permitirán, aproveitando os tramos xa existentes, completar o percorrido íntegro entre Santiago e Brión sen necesidade de utilizar un vehículo a través de camiños e beirarrúas.

Así, ademais de Vidán-Laraño, está previsto realizar as sendas A Barcia-Louros (concello de Santiago), Louros- Aldea Nova (concellos de Santiago e Ames) e Aldea Buio-Monte Devesa (concello de Brión).

Ademais, o plan de actuacións na comarca de Santiago inclúe tamén as sendas Touro-Ponte Ulla (concello de Touro), A Susana-polígono industrial e A Susana-A Eirexe (ambas as no concello de Boqueixón), San Gregorio-Rozadela (concello de Vedra) e Reis-Pontevea (no concello de Teo).

A titular de Infraestruturas adiantou que no verán estarán redactados os proxectos das sendas para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo. Deste xeito, este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a licitación das obras da primeira das sendas, os dous quilómetros que unirán Vidán con Laraño no termo municipal de Santiago.

Estas actuacións están enmarcadas na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, que en total prevé a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicicletas.

Temas: CARRIL BICI
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eusi

Umha boa medida que irá paliar a estafa das concessons nos buses feita pola PPaifocada mais inePPta