Recuperan na illa de Ons a labaza de ribeira, única na Península Ibérica

Botánicos da Universidade de Santiago reintroducen con éxito poboacións da planta Rumex rupestris, extinta nesta illa dende comezos deste século e que só se atopa na costa occidental galega, Gran Bretaña e Francia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/03/2016 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

Extinta nos primeiros anos deste século na illa de Ons, un equipo da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) comezou o pasado inverno unha experiencia para a reintrodución nesta illa da Rumex rupestris ou labaza de ribeira, unha especie ameazada que goza da protección legal do Catálogo Galego de Especies Ameazadas ou da Directiva Hábitats, entre outros.

Detalle dun exemplar de Rumex rupestris
Detalle dun exemplar de Rumex rupestris | Fonte: Miguel Serrano.

Conscientes de que os momentos posteriores á reintrodución son os máis determinantes, “a constancia a día de hoxe da permanencia da especie en diversos puntos da illa permite ser moderadamente optimistas con respecto á súa continuidade no futuro”, explica para o xornal da USC o investigador do Departamento de Botánica Miguel Serrano, coordinador xunto con Roi Carballal do proxecto dirixido por Santiago Ortiz. 

Para o desenvolvemento do proxecto, os investigadores da USC contan coa colaboración do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Segundo datos do pasado día 23, “varios dos núcleos instalados presentan individuos ben establecidos e vigorosos, a pesar da virulencia dos temporais padecidos nos últimos meses e que fixeron temer pola súa supervivencia”.

A Rumex rupestris é unha especie litoral cuxa presenza na Península Ibérica só se localizaba na costa occidental galega, concretamente nalgúns puntos da costa da Coruña e de Pontevedra. Outras áreas onde habita actualmente son o suroeste de Gran Bretaña e a costa oeste francesa, “estando nestes territorios tamén moi localizada e fortemente ameazada”, explican os investigadores. 

Co financiamento da Fundación Biodiversidad, o proxecto abrangueu diversos aspectos orientados ao estudo das poboacións de Rumex rupestris ao longo da costa occidental galega dende unha perspectiva conservacionista. Concretamente, a análise dos investigadores foi determinante tanto para seleccionar os lugares apropiados para a reintrodución en Ons como para escoller as poboacións de orixe para os individuos e sementes transferidas a esa illa. Neste sentido, prestouse especial atención á estrutura xenética das poboacións galegas e a súa relación coas do Parque Nacional, onde se poden atopar en Sálvora e Cíes. 

Dispersión transmarítima

Os investigadores traballaron baixo a hipótese de que a especie pode dispersarse grazas ás correntes mariñas, dada a flotabilidade do seu froito, e que podían existir ‘poboacións fonte’ que debían ser identificadas para establecer unha xerarquía de prioridades territoriais á hora de protexer a especie no seu conxunto.

O investigador Roi Carballal, cunha das poboacións reintroducidas en Ons
O investigador Roi Carballal, cunha das poboacións reintroducidas en Ons | Fonte: Miguel Serrano.

Os diversos marcadores xenéticos permitiron detectar “unha estrutura xenética con relacións xeográficas transmarítimas distantes”, aclara Miguel Serrano. Ademais e grazas aos marcadores moleculares foi posible identificar procesos de hibridación cunha especie próxima moi frecuente e que “pode ser considerada como unha ameaza para a integridade da Rumex rupestris”. Como engaden os investigadores, esta problemática non estaría distribuída de xeito uniforme no territorio, “aínda que parece afectar máis a determinados grupos de poboacións como as do Barbanza e as da costa Ártabra”. Precisamente nesta última área “constatouse unha alarmante redución de efectivos e mesmo a desaparición de determinados núcleos”.

O proxecto desenvolveuse coa denominación ‘Rumex rupestris, especie en peligro de extinción. Gestión integrada de la interdependencia Islas-Continente para su conservación en el Parque nacional de las ilas Atlánticas. Reintroducción en la Isla de Ons’, dentro do grupo de investigación Biodiversidade e conservación das plantas vasculares e en colaboración con María Luz González Caamaño do grupo de Biotecnoloxía do Departamento de Fisioloxía Vexetal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eueu

E a Xunta, principal responsábel da biodiversidade en Galiza, coma sempre, brilla pola sua ausencia. #PPaoPParo

1 Hai que rentabilizar o asunto

Haberá que organizar unha marcha de sendeirismo a Illa de Ons a ver a pranta esa. Que todo o mundo leve calzado cómodo, Aquarius para a sede e o móbil para subir as fotos ao Facebook.