Máis de 560 quilómetros de ríos na demarcación Galicia Costa teñen risco potencial de inundación

Augas de Galicia catalogou 172 áreas fluviais con potencial significativo de sufrir inundacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 24/02/2025 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

Un informe da Xunta identifica un total de 565,7 quilómetros de ríos na demarcación Galicia Costa con risco de inundación en caso de choiva intensa e crecidas. O Consello da Xunta tomou razón deste informe no que, unha vez finalizados os traballos de avaliación preliminar sobre o terreo, Augas de Galicia catalogou 172 áreas fluviais con potencial significativo de sufrir inundacións. Deste xeito, incorpóranse dúas novas áreas respecto da catalogación anterior: o regato dos Corrais, en Ferrol, e o río Serantes, en Oleiros. Tamén se amplía un tramo identificado xa como inundable no río Anllóns, ao seu paso por Ponteceso.

Por primeira vez teranse en conta as proxeccións climáticas e os efectos do quecemento global como elementos crave para planificar accións, de forma que se teñan en conta factores como a concentración cada vez maior das inundacións no inverno en lugar de no outono, o incremento de frecuencia con que se rexistran episodios extremos de choiva ou a maior intensidade das precipitacións en Galicia.

Outra das novidades de cara ao período 2028-2033 no que se traballa é a incorporación de información sobre inundacións históricas, unha metodoloxía innovadora e que achegará datos crave para delimitar as zonas máis sensibles e prever futuros episodios deste tipo. Augas de Galicia investirá medio millón no sistema de alerta temperá chamado Merlin para ampliar a súa capacidade de predición mediante a aplicación de novas tecnoloxías. O Goberno galego indica que o 74 % das medidas previstas no plan de xestión do risco de inundación (PXRI) 2021-2027 está en desenvolvemento ou xa executado.

Inundacións provocadas polo desbordamento do río Miño, a 18 de xaneiro de 2023, en Xunqueira  de Espadanedo
Inundacións provocadas polo desbordamento do río Miño, a 18 de xaneiro de 2023, en Xunqueira de Espadanedo | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta