O Sergas condenado a pagar 40.000 euros por un erro médico

Un veciño de Brión quedou cunha minusvalía dun 33% por non ser operado a tempo dunha lesión de hernia discal. O Defensor do Paciente di que este caso demostra unha "vez máis" a xestión "inadecuada" das listas de espera.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/04/2016 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

40.000 euros. Iso é o que o Sergas terá que pagarlle a un veciño de Brión (A Coruña)  por non intervilo a tempo dunha lesión de hernia discal, o que lle causou unha minusvalía dun 33%. Así o ditaminou unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Doentes ingresados no SERGAS, aparcados en corredores
Doentes ingresados no SERGAS, aparcados en corredores | Fonte: CIG

O Sergas xa fora condenado anteriormente a indemnizar con 20.000 ao denunciante polo atraso nunha operación que finalmente non se practicou por considerarse "non apta" para cirurxía polo "excesivo" tempo transcorrido entre o diagnóstico e a intervención cirúrxica prevista, cantidade que agora o TSXG decidiu dobrar.

Segundo informou "O Defensor do Paciente" a través dun comunicado de prensa, o TSXG fixa en 40.000 euros a indemnización definitiva e condena igualmente ao pago dos intereses ao Sergas e á súa aseguradora "pola perda da oportunidade de mellorar se se someteu a unha cirurxía precoz".

En opinión de Carmen Flores, presidenta de "O Defensor do Paciente", este caso demostra unha "vez máis" a xestión "inadecuada" das listas de espera, a cal, ao seu xuízo, xera "danos irreparables" nun paciente, quedando demostrado que son "un atentado contra a integridade física das persoas".

Os feitos

Os feitos sucederon no ano 2005, cando o denunciante, tras sentir molestias nas costas, foi atendido no servizo de neurocirugía do Hospital Clínico de Santiago (CHUS), sendo sometido a unha resonancia magnética en abril do ano seguinte que revelou a existencia de "unha discopatía L4-L5 e unha pequena hernia discal L5-S1 paramedial sen compromiso radicular".

Lesión que, con todo, non foi considerada de gravidade, polo que o paciente non foi citado para acudir a consulta até o mes de abril de 2007. Ese diagnostico non impediu que en decembro de 2006 causase baixa "por unha coxeira na perna esquerda" e fose citado a consulta no Hospital para o día 11 de xaneiro de 2007.

Unha consulta na que lle comunicaron que tiña que ser intervido "de urxencia" ao detectarlle "unha lixeira dor lumbar, perda de forza severa en flexión de perna esquerda 4/5 perda de forza á extensión do dedo groso esquerdo 2/5” e outras patoloxías.

O 28 de marzo do 2007 ao paciente practicóuselle o estudo preoperatorio pero non foi chamado para ser intervido até o mes de setembro porque "a cualificación coa que foi incluído na lista de espera foi de prioridade III".

O 7 de setembro de 2007, o facultativo que ía intervir na operación aconsellou suspendela porque a lesión converteuse en "non apta" para cirurxía polo "excesivo" tempo transcorrido entre o diagnóstico e a intervención cirúrxica prevista, segundo apunta O Defensor do Paciente.

"A afectación xa se fixera crónicia, presentando na actualidade unha serie de secuelas: radiculopatía S1 esquerda de intensidade severa, con marcados signos de dexeneración activa, hernia discal LD-S1, minusvalía do 33%, prexuízo estético, ademais de situación dunha incapacidade temporal para o seu traballo habitual", engade a asociación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta