Produtos galegos “feitos nas mariñas”

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo quere unha marca específica para os seus produtos alimentarios.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/04/2016 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo lanzará unha marca de calidade que distinga aos produtos agroalimentarios autóctonos, unha iniciativa que contará coa colaboración da Deputación da Coruña.

Produtos da horta galega
Produtos da horta galega | Fonte: GC

Trátase dunha idea encamiñada á promoción unificada de produtos dos diversos sectores alimentarios implantados na zona, como o agrario, o pesqueiro e marisqueiro ou o vinícola "baixo o paraugas dunha marca de calidade reconocible para o consumidor".

Este proxecto abarcaría aos dezasete concellos deste espazo, que son Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

Actualmente, xa hai máis de sesenta produtores agroalimentarios locais que integran xa a iniciativa e aos que poderían incorporarse novos proxectos emprendedores das máis de catrocentas persoas que participaron nas accións formativas que, neste ámbito, se desenvolveron nos últimos anos.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, comprometeu este luns o seu apoio, que podería enmarcarse nos programas para apoiar iniciativas emprendedoras cos que contará o Plan de Emprego do organismo provincial.

"Trátase do único espazo Reserva da Biosfera existente na nosa provincia, o que axudará a pór en valor os produtos locais, apoiar o desenvolvemento do ámbito rural e xerar emprego", suliñou.

A iniciativa foi presentada durante a reunión que o presidente provincial mantivo cos representantes do órgano xestor da Reserva da Biosfera, o alcalde de Abegondo e presidente do Consello de Dirección, José Antonio Santiso, o alcalde de Paderne, César Longo, e o xestor da entidade, Jorge Branco.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta