“Fonte de riqueza” segundo o PP

Mentres a oposición esixe deter a invasión do eucalipto no rural galego, o Partido Popular defende a súa plantación masiva alegando que é “fonte de riqueza”.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 07/04/2016

Comparte esta noticia

Foi o pasado 29 de marzo no Parlamento Galego. A deputada do BNG Tareixa Paz presentaba unha proposta de mínimos para deter o avance do eucalipto no rural galego, o cal cualificaba de “aberración medioambiental”. Con matices, tanto os grupos do PSdeG, AGE e mixto apoiaban a denuncia dun modelo forestal que se basea no monocultivo desta especie arbórea alóctona que ocupa xa máis de 500.000 Has. en Galicia, e medrando aceleradamente.

O representante do Partido Popular erixiuse en defensor do eucalipto alegando que é “fonte de riqueza” e que “sostivo moitas familias durante a crise”. Esta última afirmación semella o cumio do despropósito: como non somos quen de que a economía galega provea de rendas e emprego suficiente para os cidadáns e familias de Galicia, plantemos eucaliptos que ao cabo algo sacamos deles.

Propoño analizar esta expresión, “fonte de riqueza”, utilizada polo deputado popular. Galicia dispón de terreo cultivable de calidade heteroxénea apto para diversos usos, a saber:

- Pódense sementar produtos agrarios de consumo humano aproveitando o crecemento da demanda mundial e as proxeccións de demanda futura.

-Pódense sementar produtos agrarios de consumo animal que sirvan para alimentar as cabanas gandeiras propias, de xeito que se diminúa o recurso á importación de tales produtos, e mesmo se dirixan ós mercados de exportación.

- Pódese favorecer a gandeiría extensiva mediante a expansión de terreos de pasto reducindo de novo a importación de penso e mellorando previsiblemente a xestión das cabanas.

- Pódense plantar árbores autóctonas como carballos, castiñeiros, sobreiras, teixos, faias, ameneiros, salgueiros, bidueiros, freixos, loureiros o abeleiras, por exemplo. Son especies que producen madeira de alta rendibilidade, notablemente superior ó eucalipto, aínda que de crecemento máis lento ca esta especie alóctona.

- E podemos recuperar a plantación de árbores froiteiras que permitan volver a considerar a produción e transformación de froitas e froitos secos aproveitando o potencial das condicións climatolóxicas e edáficas de Galicia. 

A estratexia de crecemento e desenvolvemento deste conxunto de produtos no rural galego esixiría unha planificación territorial e unha política forestal e agraria avanzadas, o que tal existe en cada un dos principais países produtores de madeira en Europa. Así, Alemaña, Francia, Suecia, Finlandia ou Polonia contan cunha enorme capacidade de produción forestal e agraria, cun rendemento moi superior ao campo español (non digamos xa ao galego) e no seu territorio non se encontra un eucalipto.

Fronte a estas posibilidades, os gobernos galegos do Partido Popular optaron pola invasión do eucalipto, unha “política” que seguen a apoiar hoxe en día como se viu na última interpelación parlamentaria ao respecto. Para eles, o monocultivo dunha especie allea ao medio natural galego, que condiciona a súa fauna e flora, empobrece o seu solo e estraga a súa paisaxe ata límites insoportables, resulta unha “fonte de riqueza” para o país. Mesquiño goberno incompetente! 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego