Por GC Tendencias | Riotorto | 12/04/2016 | Actualizada ás 17:00
Como en anos anteriores, a partir das 11.00 h. haberá postos de artesáns e produtos do campo, demostracións de oficios (pirograbado, alfarería, tear, torneado de madeira) e demostracións en vivo da artesanía do ferro a cargo dos Ferreiros de Riotorto e outros ferreiros chegados de Galicia, Navarra e incluso de Austria. O pregoeiro será o produtor galego, José María Besteiro, coñecido entre outras producións polas series Libro de Familia e Pazo de Familia, e no apartado musical destaca o concerto de Roi Casal e a súa banda e a actuación do Coro de Riotorto.
Para complementar o programa anterior haberá un obradoiro de ferro infantil impartido polo Ferreiro austríaco Friedrich Brasmsteidl, maxia para todos os públicos a cargo do coñecido Mago DEIMI e animación de rúa a cargo de Cano Canyon, os Gaiteiros de Riotorto e unha charanga.
Como actividade novidosa, convócase o I Concurso fotográfico “Ferreiros de Riotorto”, organizado pola devandita asociación. Os participantes deberán presentar fotos sacadas durante a xornada e relacionadas coa feira para despois subilas ao evento creado na rede social Facebook.
Para coñecer algo máis sobre a Feira da Artesanía do Ferro e a tradición de traballar o ferro neste concello falamos co seu alcalde, Clemente Iglesias.
Riotorto chegou a ter unhas 56 forxas. Cantos ferreiros viven desta actividade actualmente? Corre perigo de extinción o oficio?
Na actualidade quedan entre o núcleo de Ferreiravella, Ermida e Carbueiro un total de 12 artesáns dedicados a actividade do ferro. É un sector que necesita relevo xeracional, a maioría son persoas con idades próximas ás de xubilación con poucas perspectivas de continuidade. Agora mesmo pódese dicir que arredor de 10 familias viven deste sector.
O contexto dos oficios muda, haberá que reinventarse?
O contexto mudou ó longo destes anos, cando a xente ía segar á man o trigo a Castela, demandábanse moitos máis fouciños que agora, tanto nas ferraxerías como nos mercados onde se vendían estes produtos. Agora cos avances tecnolóxicos e a chegada da maquinaria cada vez se vende menos e os ferreiros tiveron que dedicarse a facer outros produtos, como coitelos, navallas,cravos... Existe un espazo na Área Recreativa de Ferreiravella, conxunto etnográfico dos ferreiros, onde se atopa o mazo hidráulico no cal traballaban antigamente os ferreiros polo sistema de "quendas" e que foi restaurado.
Como "se fraguou" a idea de organizar esta feira?
A feira da artesanía do ferro comezou no ano 2007, por iniciativa da asociación dos ferreiros de Riotorto e foise consolidando ó longo destes anos. Dito evento intenta fomentar este oficio artesán e poñer en valor o sector para que non se abandone, xa que consideramos que pode ser un medio de vida para outros artesáns e con futuro.
A punto de cumprir os 10 anos, como foi medrando este encontro?
A feira está totalmente consolidada, conseguindo ser un referente no sector. En toda a comunidade autónoma é das poucas feiras que se dedican ó ferro. Foi medrando grazas á realización de obradoiros do ferro, intercambios con outros ferreiros de fóra de Galicia, e a base de promover en diversos medios o evento. Temos máis de 200 postos confirmados para esta edición e queremos que isto siga medrando con novas actividades e demostracións en vivo para que a xente que acuda a feira vexa a forma de traballar dos ferreiros e de fraguar o ferro.
Que atractivos ofrece Riotorto aos seus visitantes o resto do ano?
Riotorto é un concello interior da provincia de Lugo que destaca pola súa paisaxe, gastronomía e hospitalidade das súas xentes. Estas terras son coñecidas como Terras de Miranda. Como patrimonio cultural, podemos ver o Castro Celta da Coroa, o conxunto relixioso da Igrexa de San Pedro e o conxunto etnográfico dos ferreiros situado na área recreativa de Ferreiravella e como gastronomía temos a tarta e os chourizos de Riotorto entre outros.
É aplicable neste concello o refrán de "na casa do ferreiro, coitelo de pau"?
O do refrán non considero que sexa certo en Riotorto, en tódalas casas existen coitelos e fouciños dos nosos ferreiros. Intentamos que os produtos locais se promocionen e se dean a coñecer no resto de España. Temos un sector artesán e tradicional de excelente calidade que debemos consolidar para que non desapareza.
Programa completo de actividades e horarios na páxina do Concello.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.