Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2025 | Actualizada ás 14:26
A Pobra do Caramiñal acollerá este sábado unha manifestación "por terra, mar e aire" na que participarán máis de 500 barcos para dar unha "resposta contundente" ao permiso ambiental ao proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei e á reapertura da Mina de Touro-O Pino. Despois da publicación, o pasado 14 de marzo, da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable a Altri, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) convocou á sociedade galega para reiterar "a loita de todo un país" en contra da "depredación industrial que a Xunta entende por progreso".
Neste sentido, o presidente da PDRA, Xaquín Rubido, sinalou que a decisión da Xunta "é unha decisión política que pretende impor un modelo industrial que non ten o apoio da maioría da sociedade galega e que pon en risco a soberanía alimentaria". Rubido lembrou que este modelo industrial causaría un "dano irreparable" no tecido produtivo do marisqueo, da agrogandaría e do turismo sustentable. Así mesmo, acusou ao Goberno galego de querer "impor á forza" este modelo, ao que cualificou de "excluínte".
No caso da reapertura da Mina de Touro, lembraron nun comunicado conxunto que o mesmo proxecto que a Xunta rexeitou cunha DIA negativa no 2020 "agora resulta que é estratéxico" desde o pasado 24 de xuño de 2024. En declaracións a Europa Press, María José Cancelo da Plataforma Mina de Touro-O Pino NON denunciou que este "non é un problema local", reivindicou que a reapertura da mina ou o proxecto de Altri "é un problema de todos os galegos, porque en Galicia están a dar entrada a grandes empresas que teñen o mesmo modus operandi". "Non queremos unha mina á beira das nosas casas e non queremos un país no que a maior parte das industrias que quere impulsar o Goberno sexan industrias extractivas que o único que fan é aproveitarse dos recursos, exportalos e deixar aquí a contaminación", aseverou.
UNHA MANIFESTACIÓN POR TERRA E POR MAR
Nunha rolda de prensa na que participaron o patrón maior de Rianxo, Miguel Iglesias, María José Cancelo da Plataforma Mina de Touro-O Pino NON, e Pilar Naveira da Plataforma Ulloa Viva, lembraron que estes dous proxectos industriais "comprometen" a auga do río Ulla e da ría de Arousa, e a "viabilidade" do sector marisqueiro e do agrogandeiro nos próximos 75 anos. En concreto, María José Cancelo indicou en declaracións a Europa Press que a manifestación por terra sairá ás 12.00 horas deste sábado desde a estación de autobuses da localidade, unha marcha á que se sumarán ás 12.30 horas máis de 500 barcos na Enseada da Pobra do Caramiñal, que foi acordada con Capitanía Marítima.
Doutra banda, as plataformas cualificaron de "éxito" as concentracións celebradas este domingo nos concellos da conca do Ulla, que reuniron a miles de persoas, e aseguraron que a deste sábado "será o termómetro do rexeitamento da sociedade". Con todo, apuntaron que será "unha chamada de atención" e a reclamación ao Goberno central para que non facilite o financiamento público nin do Estado nin da Unión Europea e o presidente da PDRA esixiu a Rueda que abandone "esa actitude de arrogancia, falta de diálogo e abandono da neutralidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.