Temas: REFUXIADOS SIRIA

Lugo acollerá unha gala solidaria en favor dos refuxiados

A área de Cultura da deputación organiza unha xornada de sensibilización que contará, ademais, con obradoiros infantís, charlas-debate eunha exposición fotográfica sobre o que acontece na fronteira grega con Macedonia.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 13/04/2016 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A Deputación de Lugo acollera este venres a “Xornada de Sensibilización sobre as persoas refuxiadas”, “orientadas a que a cidadanía tome unha maior conciencia da crise humanitaria, política e territorial da que todos e todas formamos parte e que están a sufrir millóns de persoas refuxiadas nas fronteiras europeas”, tal e como sinalou Fran Rei, membro de Pallasos en Rebeldía.

c¡Campo de refuxiados sirios en Zaatari, Xordania
c¡Campo de refuxiados sirios en Zaatari, Xordania | Fonte: rt.com

A Xornada reunirá activistas pro-refuxiadas e artistas galegos e internacionais enraizados a nosa terra e cultura nunha “mostra de diversas disciplinas artísticas e de multiculturalidade e convivencia de culturas”, como destacou na presentación Xosé Ferreiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo.

Nesta Xornada Pallasos en Rebeldía estreará na Xornada a exposición fotográfica “Risas contra Muros” que recolle o seu labor de apoio ás familias de refuxiadas do campamento de Idomeni, na fronteira heleno-macedonia, desenvolvido do 8 ao 10 de marzo. Exporanse unha escolma dunha ducia de fotografías do fotógrafo Carlos Cazurro, colaborador asiduo do colectivo solidario,  “para seguir coa denuncia das políticas migratorias da UE, inhumnas e ilegais”, tal e como explicou o artista galego Rei esta mañá.

A Xornada dará comezo ás 18.00 horas con actividades para nenos e nenas. A primeira delas será a actuación do artista belga-galego Rudi Dudi co seu espectáculo de música e malabares “Rastafarudi”. Ás 19.00 horas o escritor lucense Anxo Moure recitará os seus “Contos Solidarios” e ás 19.30 horas a agrupación senegal-galega Mbolo Mooye Doolè (-a ritmo de corazón, en senegalés-) brindará aos máis cativos un obradoiro de percusión, danza e música africanas baseado en habilidades sociais coma a empatía e a tolerancia.

O acceso do público ao Pazo de San Marcos estará dinamizado pola compañia Lucecus Teatro que realizará unha performance na entrada simulando un Check Point da man de autoridades policiais fronterizas. Ás 20.00 horas celebrarase un espazo para o debate tralas charlas da Paula Fernández Branco, doutoranda da USC e membro de BDS Galiza, e a lucense Pilar González, activista pro-refuxiadas.

O colofón final da Xornada de Sensibilización sobre as Refuxiadas será a Gala Solidaria polas refuxiadas, que será presentada polo lucense, Lois Pérez, poeta e dramaturgo, a partir das 21.30 horas.  A Gala  contará coas actuacións do activista italiano Leo Bassi, colaborador habitual de Pallasos en Rebeldía; a humorista galega Isabel Risco; a compañía galego-arxentina de maxia e clown Cía. MundoMandarina;  Zercalo (banda conformada polo acordeonista e cantante bielorruso Vadim Yukhnevich, e o lucense Totó Barreiro, á guitarra española); e ao remate,  Alou  Tama, unha agrupación musical senegal-galega de voz e percusión.

“Desde a Área de Cultura da Deputación de Lugo tendemos a man para continuar a realizar actividades de sensibilización coma esta ante situacións dunha gravidade tremenda como é o desastre humanitario que está a acontecer nestes momentos coa connivencia da Unión Europea”, suliñou Ferreiro.

Temas: REFUXIADOS SIRIA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta