Por Xurxo Salgado | Compostela | 14/04/2016 | Actualizada ás 17:00
A Xunta de Galicia aprobou un cambio do modelo e autorizou ás empresas concesionarias dos parques eólicos que comecen a desmantelar os vellos aeroxeneradores eólicos instalados nos anos 90 por novos muíños máis potentes. O obxectivo é “protexer e respectar” a paisaxe, segundo anunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
Deste xeito, a Consellería de Industria autorizou que se faga, por primeira vez, no parque de Cabo Vilán, onde hai 22 muíños que teñen xa máis de 20 anos e que producen 3,9 megawatios. Serán substituídos por dous modernos aeroxeneradores cunha potencia mínima de 3 megawatios e máxima de 5,6.
Para iso, o Goberno galego dixo que investirá oito millóns de euros para conseguir, segundo apuntou Feijóo, incrementar un 40% a potencia eólica, ademais de cambiar todos os vellos muíños. “Queremos despexar este punto senlleiro da xeografía galega”, afirmou. “Trátase de comezar un novo modelo de menos muíños e máis potencia eólica”, sinalou.
O presidente da Xunta destacou, ademais, que despois da actuación de Cabo Vilán, o seguinte parque eólico en ser renovado será o de Malpica, que ten 67 muíños que serán substituídos por sete.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.