Maite Rojo busca un récord no Camiño Primitivo: "Con este ultrafondo busco visibilizar ás familias con enfermidades raras"

Maite Rojo, atleta, mariña e colaboradora do GC, inicia un novo reto. Percorrerá o Camiño Primitivo, 312 quilómetros, esta fin de semana dun tirón. Aínda que xa leva por diante numerosas probas coma esta, sempre hai un aquel de nervios antes do inicio. A corredora quere dedicarlle aos seus pais esta carreira pensando en visibilizar as dificultades que atravesan persoas con enfermidades raras e o tortuoso que pode ser para elas.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/03/2025 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

-Que é o ultrafondo, cales son as particularidades desta disciplina?

Maite Rojo
Maite Rojo

Son competicións que superan a distancia dunha maratón, a partir dos 50 km. Aquelas persoas que practican o ultrafondo de maneira moi habitual dirían que é a partir dos 100 km, mais a definición clásica é a que supera a maratón.

-Canto tempo levas competindo nesta disciplina? E, á parte, que é o 'formato non stop'?
Volvín ás competicións hai doce anos e compito en ultrafondo desde hai sete anos. As carreiras 'non stop' son aquelas que desde que arrinca o cronómetro non se pode deixar de avanzar. Hai formatos de ultrafondo en que se ten en conta máis as horas que se tarda en cubrir a distancia e non os quilómetros. É o contrario das carreiras por etapas, onde se fan descansos. Nos ultrafondos non se para, aínda que si hai momentos para comer algo, descansar os pes ou te tiras ao chan por 15 ou 20 minutos.

-Vas participar no Ultrafondo do Camiño Primitivo de Santiago, unha ultrafondo que dedicas ao teu pai, quen sofre unha enfermidade rara.
Dedícolle este ultrafondo tanto á miña nai como ao meu pai pois ambos os dous sofren esta situación, o mesmo que llo dedico ás persoas con enfermidades raras. O meu pai ten unha enfermidade dexenerativa córticovasal, algo parecido ao espectro do ELA e do Párkinson. Tamén busco darlle visibilidade a todas estas familias que están como as dos meus pais, vivindo no campo e teñen poucas axudas e recursos, non por eles mesmos, senón a nivel Estado ou a Seguridade Social, no caso da miña familia levamos esperando desde outubro para ir ao pneumólogo.

Son competicións que superan a distancia dunha maratón, a partir dos 50 km

Maite Rojo
Maite Rojo | Fonte: Maite Rojo

-Que outros obxectivos marcaches na túa folla de ruta con este ultrafondo?
O tema naceu logo de facer eu o Camiño dos Faros, pois un moi bo amigo ultrafondista, Nicolás de las Heras. El fixera o percorrido do Camiño Antigo en 50 horas, mais el é unha persoa moi atlética do Equipo de Ultrafondo Español. Por iso falamos de facer eu o Camiño Primitivo e el o dos Faros. Foi el quen me pasou toda a información necesaria para coñecer de antemán o percorrido. Outro amigo, Pablo Teijeiro, quen está a preparar o Tour des Glaciers, unha carreira nos Alpes de 450 km e 33.000 metros de desnivel, o Camiño Primitivo son dez veces menos que a dos Alpes. Os dous dixeron que virían acompañarme ou un por un tramo ou axudar coa furgoneta onde cargaremos as provisións e outros elementos. Nós levamos unha mochila pequena para ir repostando do que levamos no vehículo. Teño que dicir que a loxística é case toda humana, senón sería moi difícil realizar esta proba.

Dedícolle este ultrafondo tanto á miña nai como ao meu pai pois ambos os dous sofren esta situación, o mesmo que llo dedico ás persoas con enfermidades raras

-Cales son as dificultades que presenta o Camiño Primitivo para escollelo como reto? Como e onde se iniciará a proba?
O reto para min é ser a carreira máis longa á que me enfronto porque até o de agora a distancia máis grande que fixen foi o Spartantour, con 247 km. A do Camiño Primitivo ten sobre 312km, tamén está o feito de ser en trail, por montaña, moi distinto que por estrada, e debemos engadir o desnivel, uns 8.500 metros. Tamén é unha zona moi histórica por ser o primeiro Camiño de Santiago, quedan os restos dos hospitais que se tiñan nalgúns lugares, porén, pasaremos por esa zona de noite, será complicado. Logo está que nos ultrafondos hai momentos que estás moi ben e outros moi mal mais debes tirar para adiante. Sobre o inicio da proba, sairemos de Oviedo entre as sete e as oito da mañá o venres, para non ter présa estaremos xa alí o xoves pola noite. Despois, dous compañeiros máis eu tentaremos facer todo o percorrido e logo outros catro uniranse a nós por tramos. Hai tres persoas que se ofreceron a ir correndo nalgúns tramos e noutros irán conducindo a furgoneta. Pararemos cada doce ou quince quilómetros en puntos preestablecidos e nas paradas iremos repoñendo o que levas na mochila.

-É de supoñer a necesidade de manter un ritmo constante nunha proba coma esta. Aínda así, é posible manter un ritmo constante en probas como esta?
O certo é que no trail non hai un ritmo tan constante como por estrada, facer 10 minutos por km como nas maratóns. Nos trail depende xa das zonas por onde pases porque hai chairas, montes e ás veces máis desnivel, por iso tentas ser moi humilde cos quilómetros e pensar que debes gardar forzas sempre. As costas arriba fanse camiñando e usamos uns bastóns, logo corres cando vas costa abaixo e por terreo chan, se fas isto último xa tes moito gañado.

-Tamén es adestradora, mais nesta disciplina concretamente?
Formeime como Técnico Superior en Deportes, nos últimos anos por curiosidade persoal entrei moito no campo da nutrición e dos novos sistemas de adestramento deportivo. Foi nunha escola privada dun adestrador moi bo a nivel nacional onde entrei en contacto coa ultramaratón pois facían cursos de longas distancias, tanto en estrada como trail. Agora teño formación e experiencia e hai persoas que me chaman para adestralos.

Nos ultrafondos hai momentos que estás moi ben e outros moi mal mais debes tirar para adiante

-Sobre a alimentación, segues unha dieta concreta antes, durante e despois da proba?
Eu son, principalmente, vexetariana. Normalmente vou a base de pasta, arroz, froitos secos e cousas así. O día da carreira tes que cargar con hidratos de carbono, durante a carreira cousas que xa as probaran e que sexan doadas de dixerir para ti, porque todos somos diferentes e hai persoas que non poden tolerar certos alimentos. Eu o que levo feito é moito isotónico natural na casa, papas que podas preparar na casa que non levan conservantes, chocolate, dátiles e todo canto dea calorías e enerxía. Levo moitas bulsas preparadas con doce e salgado.

-Que beneficios ten o ultrafondo, ademais de aumentar a resistencia?
Eu non lle direi a ninguén que isto é saudable, non creo que sexa totalmente san facer probas de 200 ou 300 km. Si é certo que cada vez temos unha vida máis longa e a nosa resistencia aumenta, tamén é un deporte para xente de mediana idade, que teñas un pouco de cabeza e che gusten este tipo de retos e aventuras. Hai que ter moita resistencia e ter todo o adestramento posible, e logo forza, porque esta foi a grande esquecida durante moito tempo e agora todo o mundo sabe que debemos meter días de ximnasio para non ter problemas despois coa parte media do corpo, o chamado 'core'.

-Dentro da ruga do Camiño Antigo, cal é o récord en horas para percorrela?
Teno Nicolás de las Heras, cincuenta horas.

-Que retos marcaches para despois deste Camiño Primitivo?
O ano pasado non competín nada por cuestión de traballo. En 2023 fixen tres grandes probas algo que xa pensei para 2025: o Primitivo agora, en Hungría facer a Ultrabalatón dando a volta ao lago Balatón que son algo máis de 200 km e logo está o Spartatlón en outubro en Grecia con 246 km, unha prova a nivel internacional. Logo está a proba de 24 horas de resistencia en Francia, así pois debo decidir entre unha e a outra porque as dúas son no mesmo mes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta