Convocados os primeiros galardóns de arquitectura e rehabilitación de Galicia

A Xunta convida á cidadanía a presentar candidaturas a estes premios, que buscan poñer en valor o traballo dos profesionais e facer de Galicia un referente na rehabilitación arquitectónica.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/04/2016 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heribrto García, presentou esta fin de semana os primeiros galardóns de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia, convidando aos cidadáns a presentar candidaturas. Estes galardóns teñen por obxectivo poñer en valor o traballo dos profesionais e subliñar o papel de Galicia como referencia en rehabilitación.

Rehabilitación da rúa Ferrería en Vigo
Rehabilitación da rúa Ferrería en Vigo | Fonte: COAG.

Ethel Vázquez subliñou que Galicia foi a primeira comunidade en declarar un área de rehabilitación integral e a que conta cun maior número de áreas de rehabilitación declaradas, 68 en total, entre elas, a ARI dos Camiños de Santiago, un caso único de rehabilitación que engloba 107 concellos e case 500 parroquias galegas.

A responsable de Vivenda do Executivo autonómico remarcou que unha mostra de que se segue na mesma liña de traballo é a creación destes galardóns de Arquitectura e Rehabilitación, cos que, dixo, “se pretende recoñecer a todos aqueles profesionais que, co seu traballo do día a día, tanto teñen contribuído á conservación e á posta en valor do rico patrimonio arquitectónico da nosa terra”. “Con estes galardóns a Xunta quere premiar os mellores traballos realizados nos últimos anos en Galicia en materia de Arquitectura e Rehabilitación; e tamén recoñecer a traxectoria profesional dun arquitecto destacado”, abondou Vázquez Mourelle.

CATEGORÍAS

Nestes premios existen distintas categorías: o Premio Galego de Arquitectura, que se outorgará aos proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación que teñan suficiente entidade propia para poder ser valoradas de forma independente á construción orixinal; e o Premio Galego de Rehabilitación, que distingue proxectos de rehabilitación que teñan que ver con intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.

Cada un destes premios terá unha dotación económica de 6.000 euros.

Tamén se definen dúas categorías de premios especiais,cunha dotación económica de 4.000 euros, como son o da Sustentabilidade, que recoñece as iniciativas que promovan unha arquitectura responsable e comprometida co medio ambiente, en consonancia co Horizonte Europa 2020, a estratexia europea de crecemento que se basea na potenciación dunha economía intelixente, sustentable e integradora; e á Traxectoria Profesional, que enxalzará o traballo meritorio dun arquitecto galego e a súa especial contribución á arquitectura do noso territorio.

Ademais destes galardóns, as bases da convocatoria tamén contemplan que o xurado poderá outorgar Mencións entre as iniciativas que non foron premiadas pero que consideran merecentes dun recoñecemento singular.

A esta convocatoria poderán presentarse todos aqueles proxectos arquitectónicos de edificacións no territorio galego que foran finalizados entre o 1 de xaneiro de 2011 e o 31 de decembro de 2015.

CANDIDATURAS

Para concorrer aos Premios de Arquitectura e Rehabilitación ou ao Premio Especial á Sustentabilidade poderanse presentar candidaturas nun prazo de 40 días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia, é dicir, desde o 23 de abril.

As propostas para o outorgamento do galardón á Traxectoria Profesional presentaranse no seo do propio xurado dos premios e virán avaladas pola correspondente xustificación e a presentación de candidaturas corresponderálles as entidades con representación no xurado, que poderán achegalas unicamente por vía electrónica, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.

Aínda que son as entidades presentes no xurado quen deben propoñer candidaturas, o IGVS habilitou unha Caixa de Suxestións, unha conta de correo electrónico premios-arquitectura.igvs@xunta.es para que calquera persoa poida remitir as súas propostas e o Instituto, como entidade do xurado, poida telas en conta.

XURADO

Formarán parte do xurado encargado de avaliar as candidaturas organismos e asociacións que teñen unha especial vinculación co mundo da arquitectura e da rehabilitación. Como presidente actuará o titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e como secretario o titular da Secretaría Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Ademais, serán parte do xurado a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS; a persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS; a quen designe a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a persoa titular da Presidencia da Real Academia Gallega de Bellas Artes e a titular da Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Ademais da persoa titular da Dirección da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, o decano-presidente do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; a persoa que designe o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; a que designe a Federación Gallega de la Construcción e a que designe a Federación de Promotores de Edificación e Solo de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta