Musigalité nega ter censurado a Ataque Escampe e AGE esixirá explicacións ao director da CRTVG

A produtora asegura que o corte non se debeu a ningunha manipulación, senón a motivos de edición que se aplican a todos os grupos, e que o tema íntegro está dispoñible noutra ligazón.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 28/04/2016 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A denuncia do grupo Ataque Escampe na que acusa a TVG de ter censurado parte da letra da súa canción 'San Marino', xusto a que fai mención ao PP e aos paraísos fiscais, xa ten resposta política e da propia produtora do programa Musigalité.

Ataque Escampe, na gravación de Musigalité en Compostela.
Ataque Escampe, na gravación de Musigalité en Compostela.

Os responsables do programa xa lle comunicaran vía telefónica á banda que eliminou o verso por necesidades da edición e sen ánimo de censurar, e que nunha sección da súa páxina web hai un enlace na parte inferior na que se pode consultar a versión íntegra do vídeo, na que se inclúe a letra completa, tamén o verso que di "Isto é un atraco, chegarei até o final por unha vez. Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal, como fan os do PP". A ligazón é a seguinte: http://musigalite.crtvg.es/augmentedcontent/pgm11-actuacion-ataque-escampe/.

A propia produtora —M International Audiovisual— comunicouse coa redaccion deste xornal para asegurar que "ningún grupo ten completo o tema para televisión, só se poden ver os temas completos nos vídeos aumentados".

Segundo os responsables do programa, "todas as actuacións dos grupos sempre foron mesturadas coas entrevistas. Neste caso, coma sempre, o tema completo métese coma contido extra".

A produtora insiste, para tentar aclarar a denuncia da banda, en que "o programa é un proxecto con contido aumentado e durante a emisión, desde o portal musigalite.gal, aparece contido relacionado coa emisión que aporta moito máis valor ao mesmo. Está concebido así, e o criterio do formato e dos contidos é da produtora".

RESPOSTA POLÍTICA

A reacción política chegou de parte de AGE. Juan Manuel Fajardo, deputado de Alternativa Galega de Esquerda, pedirá explicacións ao director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, sobre este caso, denunciado polo propio grupo de música, que informou dun sutil corte entre o verso anterior e a parte instrumental final que coincide coa parte da letra dedicada ao Partido Popular: “Adeus, cabronazos, voume a un paraíso fiscal como fan os do PP”.

Para AGE, trátase dun "claro caso de censura e manipulación por parte da CRTVG impropio dun medio de comunicación público ao servizo de todos os galegos e galegas e que nos leva aos anos máis escuros da nosa historia recente".

Fajardo, esixirá explicacións en comisión parlamentar polo sucedido, "unha actuación intolerable que non se pode pasar por alto nun sistema democrático", din dende esta formación política.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta