Temas: CPXG XORNALISMO

“A calidade da información e a independencia dos grandes medios están en perigo”

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publica un manifesto a prol da independencia e da coraxe dos profesionais da información co gallo do Día da Liberdade de Prensa.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 02/05/2016 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Cada 3 de maio celébrase en todo o mundo o Día da Liberdade de Prensa. Co gallo desta celebración, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia publica un manifesto asinado por Xosé Hermida que alerta da grave crise pola que pasa a profesión xornalística.

Os medios de comunicación tradicionais están sufrindo unha fonda crise
Os medios de comunicación tradicionais están sufrindo unha fonda crise | Fonte: prnoticias.com

O manifesto critica o novo rol que deben xogar agora os profesionais da información como "robots multitarefa" precarizados, con soldos que xa nin chegan aos mil euros mensuais. Pero malia o "aroma fúnebre" que despide tanto o sector como a propia celebración desta data, Hermida apela ao optimismo como "obriga moral".

No manifesto recupérase a esencia épica do xornalismo como ferramenta para "cambiar o mundo"

"Non hai nada máis potente que a verdade. Por iso ter un oficio que consiste en contar e desvelar verdades é un agasallo. Por iso non podemos ser pesimistas. Non nos podemos permitir o luxo de ser pesimistas", avisa Hermida, quen advirte que "ser xornalista é un privilexio" que conleva responsabilidades de servizo á sociedade: "Ao único que nos debemos finalmente é ao dereito dos cidadáns a estaren informados". Por iso, "a nosa liberdade de expresión é a garantía de que a xente poida estar ben informada"

Pero esta responsabilidade ten que ir acompañada de coraxe contra os grupos de presión que tentan condicionar e manipular os medios de información e aos seus profesionais: "Temos que defender o noso traballo e non consentir nunca poñer o noso nome ao servizo de campañas políticas ou de manipulacións informativas instigadas por escuros intereses", avisa Hermida.

'Feijóo alimenta a máquina de Santiago Rey'. Gonzalo Vilas fixo esta ilustración para a reportaxe do Novas da Galiza e o GC sobre as axudas aos medios.
'Feijóo alimenta a máquina de Santiago Rey'. Gonzalo Vilas fixo esta ilustración para a reportaxe do Novas da Galiza e o GC sobre as axudas aos medios.

Un dos grandes perigos que corre o xornalismo, na era de Internet e da sociedade rede en Occidente afecta "á calidade da información e a independencia dos grandes medios en mans ou de gobernos - non dos intereses públicos- ou de conglomerados financeiros".

"O que está en perigo é que a verdade quede sepultada entre moreas de medias verdades, relatos prefabricados, burda propaganda e espectáculo banal travestido de xornalismo", expón o xornalista galego.

Por iso, de novo apela á responsabilidade e o valor dos xornalistas, sen os cales "de momento, non se poden facer xornais de papel ou dixitais, informativos de radio ou de televisión".

"Ninguén nos pode pedir que sexamos heroes, pero ninguén de nós pode fuxir tampouco dunha responsabilidade decisiva, xa non só como xornalistas, senón como cidadáns. Se estamos á altura, deberiamos poder ser optimistas. Depende de nós", conclúe. 

Velaquí o texto completo:

Cada vez que se xuntan agora máis de tres xornalistas, o encontro despide un aroma fúnebre. Ás veces é mesmo un funeral cheo de entusiasmo, como cando aparecen os grandes teóricos da revolución permanente para sentenciar que o vello xornalismo está morto e vendernos un ilusionante futuro no que fariamos de robots multitarefa, capaces de escribir textos, gravar comentarios de voz, facer fotos e vídeos, elaborar gráficos, subilos á Rede e propagalos por ducias de canles. Todo ao mesmo tempo, por menos de 1.000 euros ao mes.

Como todas as liturxias, a dos días mundiais de calquera cousa tamén teñen un certo aire fúnebre. Por iso resulta difícil fuxir da tentación de debullar nun día como o hoxe o longo inventario de calamidades que nos azoutan dende hai tempo. E por iso se cadra hoxe é máis necesario que nunca ser optimistas. Aínda que só sexa porque, como dixo alguén, nestes tempos o optimismo converteuse case nunha obriga moral.

Ser xornalista é un privilexio. Pero non porque che permita coñecer xente interesante e poderosa, sentirte parte dos grandes acontecementos, facerte famoso e -nalgún caso- ata gañar moitos cartos. A marabilla de ser xornalista é que che permite cambiar o mundo. Non o mundo enteiro dunha vez, mais si cousas relevantes que forman parte do que nos arrodea. O mundo xa non foi o mesmo dende que o primeiro xornalista logrou entrar en Hiroshima e contar o horror. España xa non foi a mesma dende que se publicaron os papeis de Bárcenas. Galicia xa non foi a mesma despois de que os xornalistas rachasen o bloqueo informativo sobre a catástrofe do 'Prestige'. Non hai nada máis potente que a verdade. Por iso ter un oficio que consiste en contar e desvelar verdades é un agasallo. Por iso non podemos ser pesimistas. Non nos podemos permitir o luxo de ser pesimistas.

Todo privilexio conleva unha responsabilidade. Convén non esquecelo: o que estamos a reclamar hoxe non é un dereito noso, senón de toda a cidadanía. A nosa liberdade de expresión é a garantía de que a xente poida estar ben informada. Pedimos por nós para pedir por todos. Outra razón máis para pensar que este é un oficio do que sentirse orgulloso.

Podemos ser optimistas se nos esforzamos en non perder de vista nunca que estamos servindo á sociedade. Non só -por importantes que sexan- ás nosas lexítimas ambicións persoais, á nosa carreira, ás nosas aspiracións económicas... Nin sequera -en caso de conflito- á empresa que nos paga. Ao único que nos debemos finalmente é ao dereito dos cidadáns a estaren informados. A información non nos pertence a nós, pertence á sociedade. Se temos iso sempre en conta, hai razóns para ser optimistas. A xente está incomodada con nós precisamente porque nos necesita. Reclámanos que lle contemos o que alguén -normalmente os poderosos- non quere que se saiba. 

Precisamos, iso si, coraxe e sentido da responsabilidade. Temos que defender o noso traballo e non consentir nunca poñer o noso nome ao servizo de campañas políticas ou de manipulacións informativas instigadas por escuros intereses. Debemos ter sempre presente que, por moitas presións que recibamos, os xornalistas dispoñemos dese dereito último a retirar a nosa sinatura, o noso rostro, a nosa voz. Temos que defender algo tan sinxelo e tan complexo como a verdade. Se actuamos con eses criterios non debería haber ningún motivo para non sermos optimistas. 

O día de hoxe leva unha denominación que entre nós vai quedando anacrónica. Hai partes do mundo onde aínda é preciso loitar pola liberdades de prensa e de expresión. En Occidente, sen embargo, nunca houbo tanta liberdade de prensa e de expresión. A Rede permite case a calquera difundir case calquera cousa. O que si está en perigo en Occidente é a calidade da información e a independencia dos grandes medios, en mans ou de gobernos - non dos intereses públicos- ou de conglomerados financeiros. O que está en perigo é que a verdade quede sepultada entre moreas de medias verdades, relatos prefabricados, burda propaganda e espectáculo banal travestido de xornalismo.

Iso afecta non só ao conxunto do noso oficio senón a cada un de nós individualmente, porque pon en cuestión a credibilidade profesional e a moral cívica de cada de un. Pero iso mesmo fai de nós os únicos capaces de librar esta batalla. Sen nós, de momento, non se poden facer xornais de papel ou dixitais, informativos de radio ou de televisión. Ninguén nos pode pedir que sexamos heroes, pero ninguén de nós pode fuxir tampouco dunha responsabilidade decisiva, xa non só como xornalistas, senón como cidadáns. Se estamos á altura, deberiamos poder ser optimistas. Depende de nós. 

Xosé Hermida, xornalista e colexiado do CPXG.

Temas: CPXG XORNALISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta