Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/05/2016 | Actualizada ás 16:45
Os sindicatos CIG, CCOO, UXT, FST e CSI-F alertaron este martes da posiblidade de que a campaña contra os lumes deste ano sexa “complicada" debido a un dispositivo "mermado" e á privatización do servizo de loita contra os incendios.
"Os profesionais afirman que o dispositivo non está preparado para afrontar unha vaga de incendios forestais como a vivida en Galicia no verán de 2006, pola falta de profesionalización e dun sistema único e público", suliñaron os sindicatos nun acto conxunto.
Ademais, critican a multitude de servizos existentes para atacar os lumes e a descoordinación entre eles, sobre todo, pola existencia de empresas privadas ou semipúblicas, brigadas municipais, bombeiros, militares, equipos de Protección Civil e outros axentes.
"Este abanico de diferentes medios fai pensar que a Xunta de Galicia está a derivar as súas responsabilidades cara a empresas privadas e outras administracións públicas e descargando a extinción de incendios en medios alleos á Administración galega", tales como medios militares, suliñaron.
Por iso, reclamáronlle ao Goberno autonómico "aumentar o número de efectivos para poder afrontar unha previsible campaña complicada" e restablecer o "modelo público e profesional de extinción".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.