Caballero non desvela as súas cartas

Evita pronunciarse sobre os candidatos á liderar o PSdeG porque di que "calquera cousa" que comente respecto diso "vai ser o contrario" do que pretende.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/05/2016 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, garda silencio sobre a quen apoiará de cara as primarias que o seu partido celebrará para elixir o vindeiro candidato do PSdeG á Xunta. Un proceso no que se implicou activamente con xuntanzas con diferentes agrupacións locais.

Pedro Sánchez con Abel Caballero nun mitin do PSdeG
Pedro Sánchez con Abel Caballero nun mitin do PSdeG | Fonte: vigoe.es

Polo momento, hai xa dous candidatos confirmados; Xaquín Fernández Leiceaga e Gonzalo Caballero. O primeiro moi próximo ao ex secretario xeral, José Ramón Besteiro, e a actual secretaria de Organización, Pilar Cancela. O segundo –sobriño do rexedor vigués--, un crítico coa situación actual do PSdeG que xa tentou competir con Pachi Vázquez sen acadar os avais necesarios para facelo.

Sen embargo, hai un terceiro candidato que podería presentarse nos vindeiros días. É o voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, un candidato que sería impulsado polo sector crítico a Besteiro, entre eles, Pachi Vázquez e Pepe Blanco, e é o gran rival de Leiceaga.

A elección para Caballero é difícil. Leiceaga non é unha persoa da súa total confianza, aínda que o trato entre ambos os dous sempre foi correcto. O mesmo sucede con Méndez Romeu. Sen embargo, o problema do voceiro parlamentario é que é un dirixente coruñés, moi próximo, ademais, a La Voz de Galicia, o xornal que durante anos mantivo unha guerra sen cuartel contra o rexedor vigués. Pola contra, Gonzalo Caballero, a pesar de ser o sobriño, mantivo unha pugna con el na agrupación local.

Por iso, este mércores, Caballero evitou  opinar sobre "precandidatos", incluído o seu sobriño Gonzalo, de quen dixo que é "un gran militante", como tamén facer valoracións sobre as críticas do portavoz parlamentario, José Luís Méndez Romeu, a Leiceaga. "Non opino sobre precandidatos, creo non debo",dixo. “Unha vez se decida quen será a cabeza de cartel do PSdeG, estarei absolutamente ao seu lado”, dixo ao tempo que suliñou que, da súa boca, “non van ouvir ningunha crítica interna do partido".

"Respecto o que todo o mundo diga", manifestou Caballero, quen insistiu en que "calquera cousa" que comente respecto diso "vai ser o contrario" do que pretende. "Un proceso de unidade, afastando as polémicas e os debates, porque somos un partido con diversidade de opinión, o que é enriquecedor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta