Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/05/2016 | Actualizada ás 17:44
Non vai ser tranquilo o proceso de elección do futuro líder do PSdeG. As espadas xa se puxeron en alto entre o sector que aposta por Xaquín Fernández Leiceaga e o que se decanta por José Luis Méndez Romeu. As declaracións do presidente da Deputación de Lugo, Valentín González Formoso, sobre a idade de Méndez abriron xa a primeira polémica.
Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou como "xogo sucio" estas críticas. A preguntas dos xornalistas, Silva destacou que Méndez Romeu é un home cunha traxectoria política "envexable" e que desempeñou durante toda a súa carreira unha xestión "destacable", especialmente cando ostentou responsabilidades de goberno.
"Eu non vou entrar no xogo sucio, non me gusta o xogo sucio", dixo a presidenta da deputación pontevedresa sobre esas críticas, verbalizadas polo titular da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que descartou como candidato a "portavoces de sesenta e pico anos e xente que leva cincuenta anos nun escano".
Este venres, o propio Formoso matizou esas palabras e Méndez Romeu dixo que probablemente o presidente da Deputación coruñesa non tivo onte o seu mellor día.
Sen embargo, González Formoso non está só nas súas opinións. Tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aposta por "caras novas" que dean "a sensación de frescura" e de "capacidade de renovación", sen "deixar de contar coa experiencia de compañeiros que fixeron un gran traballo"
Desde o seu punto de vista, esa renovación é a que piden "as novas xeracións" do PSdeG, que están nestes momentos "irrompendo nas administracións locais" e nas listas electorais, polo que pensa que se cadra non é o momento de que Méndez Romeu. “É unha persoa cunha gran traxectoria, que leva moitísimos anos no mundo activo da política", polo que a alcaldesa opina que as declaracións de Formoso nas que cuestionaba a súa candidatura a presidir a Xunta "referíanse máis a un novo tempo" que "a unha cuestión de idade".
"A realidade é que o compañeiro Méndez Romeu ten 65 anos, o que non lle dá valor nin llo quita tampouco", engadiu a alcaldesa, pero opina que "despois de moitos anos" na primeira liña política, o debate debe exporse en clave de dar paso "a nova xeración".
Apoios a Méndez
Pero, ao voceiro parlamentario do PSdeG tamén lle saen apoios nas últimas horas. Aos do sector de Blanco e Pachi Vázquez, súmanse os dos ex alcaldes Xosé Sánchez Bugallo e José López Orozco. Ambos coincidiron en destacar a experiencia e a solvencia de Méndez Romeu que, segundo Sánchez Bugallo, reúne "dúas condicións fundamentais" para encabezar este proxecto.
Por unha banda, dixo, é unha "de experiencia acreditada" e, por tanto, "con capacidade para transmitir confianza ao conxunto dos cidadáns". E, por outra banda, continuou, porque está perfectamente identificado co que na súa opinión representa o PSdeG, "un proxecto maioritario, implicado na sociedade, non excluínte, galeguista pero non nacionalista, de esquerdas e socialdemócrata e ao mesmo tempo razoable e viable". Curiosamente, Sánchez Bugallo foi un dos grandes valedores, no seu día, de Leiceaga no Concello de Santiago, a quen non apoia, agora, neste proceso.
Tamén Xosé López Orozco incidiu en que Méndez Romeu "naceu para a política" no ámbito municipal, "o que significa apego á xente, ás persoas do seu municipio e coñecemento dos problemas de primeira man".
Críticas de Cancela
Por outra banda, a presidenta da xestora do PSdeG en Galicia, Pilar Cancela, negou este venres"con absoluta rotundidade" unha suposta reunión da xestora coa dirección do partido para apoiar a calquera dos candidatos e desmentiu que exista un apoio explícito a calquera dos candidatos presentados.
"Cando dicimos desde o PSOE que apostamos polas primarias e que queremos a participación da militancia non o dicimos por dicir", manifestou Cancela, quen defendeu a neutralidade do partido en todo este proceso, que é "o adecuado". "Nin Leiceaga, nin Romeu nin (Gonzalo) Caballero son de ninguén", apostilou Cancela, quen pediu "respecto" para o partido ao asegurar que "non é bo este tipo de cuestionamientos".
Tamén quixo deixar claro que o partido "respectará as mesmas listas" de candidaturas que concorreron nas pasadas eleccións xerais, segundo as directrices marcadas pola dirección federal, e sostivo que a posición "non mudou" cun novo proceso electoral.
"Se tiñamos un programa electoral co que seguiremos concorrendo, cunhas listas e uns equipos de xente que servían e que nos pareceron os mellores para concorrer, unha vez pasados catro meses esa percepción non mudou", esgrimiu ante a intención do sector de Pachi Vázquez de incluír nas listas a Laura Seara e Teresa Taboada.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.