Temas: SARGADELOS IMAXE

O período prolífico de Sargadelos

A Real Fábrica de Sargadelos é, entre 1845 e 1862, un período prolífico de creatividade artística. Dende as vaixelas ata as xerras de xardín, cada obra representa as diferentes facetas do gusto e habilidade da fábrica galega.

Por Iria-Frine Rivera Vázquez | A Coruña | 18/05/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

As abundantes pezas producidas por Sargadelos na chamada “terceira época” son unha mostra das ideas, iniciativa e traballo que caracterizaron estes anos. Introduciuse unha nova sensibilidade cando Edwin Forester fíxose cargo da produción da cerámica. Baixo a súa dirección entraron a traballar un equipo de ceramistas de Staffordshire, que ocupáronse do embelecemento da porcelana. De todas as imaxes, as famosas escenas de paisaxes imaxinarias converteríanse nunha das maiores iconas de Sargadelos.

Fonte cha octogonal con decoración estampada da Serie Paisaxes imaxinarias (detalle). 1845-1862 (terceira época). Técnica: Estampación/baixo cuberta (motivo decorativo). Materiais: Cerámica/Louza fina de pedernal. Real Fábrica de Sargadelos / Iria-Friné Rivera Vázquez
Fonte cha octogonal con decoración estampada da Serie Paisaxes imaxinarias (detalle). 1845-1862 (terceira época). Técnica: Estampación/baixo cuberta (motivo decorativo). Materiais: Cerámica/Louza fina de pedernal. Real Fábrica de Sargadelos / Iria-Friné Rivera Vázquez

Tras a primeira época (1806-1832) -de exquisita porcelana neoclásica branca- e a segunda época (1835-1842) -cunha louza naturalista-, florece un estilo distinto. A técnica do estampado cambiou radicalmente a louza de Sargadelos. No novo estilo aparecen efectos marmóreos e rochosos (Serie empedrada, xaspeada e de vetas). Outra imaxe, inspirada no modelo de cerámica británica chamada “Leiteira” (Milkmaid), reproduce unha longa campía de herba e flores onde xunto as ovellas, unha campesiña muxe unha vaca (Serie Campesiña). Na denominada Serie Cisnes aparecen mulleres paseando, abstraídas na contemplación das lagoas onde deslízanse os cisnes. De igual xeito as Serie Obxectos científicos, Serie Vistas reais, Serie O Quixote, Serie Infantil e a Serie de iniciais, anagramas e emblemas foron realizadas empregando o estampado, caracterizando en gran medida o estilo destes anos. 
A orla incluída nestas series é moi definida, sinxela e disposta ritmicamente, proporcionada a composición da imaxe escollida. Neste período de evolución da cerámica durante a terceira época, a marca igualmente adquiriu maior importancia, facéndose mais elaborada. Na base de cada obra poden aparecer referencias do deseño (Góndola) ou do material (Semi china, china opaca), xunto a marca de Sargadelos (“REAL FABRICA SARGADELOS”). Aínda cando a marca da fábrica é sinalada deste xeito en moitas pezas, na maior parte da louza aparece unicamente o rexistro da marca rodeando unha coroa.

Emporiso poucas composicións marcaron tanto a Sargadelos coma a Serie Paisaxes imaxinarias. Trátase dunha ilustración estampada, lembranza das paisaxes de Staffordshire e que conta con distintas versións. Nelas as mulleres e os homes son pequenos fronte os ceos cubertos e as altas montañas. As imaxes trasladan a bosques densos salpicados de fontes e esculturas, grandes árbores, ríos caudalosos, xardíns con fontes, pontes, pobos de arquitectura vernácula e castelos, sumando templos remotos e paseos por longos canais venecianos. De todas as versións, a chamada Modelo Góndola ou Paisaxe de Copa é a que conta con mais réplicas. Nel vese un gran xardín, ornamentado cunha gran xerra de estilo clásico, dende o cal vese un río polo cal transcorren barcos. O lonxe aparecen templos antigos rodeados de bosques, o que incrementa a sensación de que cada peza é unha viaxe a terras recónditas.

Ligada a produción anterior destaca a Serie paisaxes imaxinarias orientais, inspiradas na natureza e arquitectura de Turquía e China. Esta serie, coma a Serie Dúas aves e a Serie Rosas, forma parte da louza orientalista de Sargadelos. Están integradas no Estilo Flow Blue. Trátase dun estilo orixinario da cerámica de Staffordshire durante a Rexencia (1811-1820), caracterizado pola indefinición formal dos motivos decorativos. Son realizadas xeralmente en Azul Cantón -en honor a cidade china de Cantón-, o que contrasta coa gama de cores que caracterizan as paisaxes imaxinarias, que inclúen azul intenso, negro, verde carruaxe, malva e pardo. A Serie Chinesa, a Orla Chinesa e a Serie Estampado filamentoso tamén están realizadas co Estilo Flow Blue.

Dentro da variedade de estilos e técnicas, a porcelana con detalles florais constitúe un campo onde explorar novos e antigos deseños e técnicas. A diferenza da louza estampada, os detalles florais son moito mais libres. Existe unha produción que emula o estilo floral popular, mentres que outra toma coma referencia a abundancia da Natureza.

No primeiro modelo de produción aparecen motivos pintados manualmente con pincel. Está definido polo seu emprego de cores vivas e delicadas e as flores e follas, incluso fixas, dan a impresión de que continúan medrando. Outra variante son os ramos de flores, case tridimensionais, realizados mediante a técnica da iluminación. O deseño floral do segundo modelo está representada nunha peza conservada no Museo de Belas Artes da Coruña. O embelecemento desta fonte para entremeses (inv. 3239) é un deseño que alude ao gozo da primavera e do verán: masas de flores vermellas e azuis con ramas de follas verdes, cargadas de froitos, dispostos sobre unha cor branca e cremosa. 

Estas cerámicas eran indispensables para a actividade diaria, en especial para o servizo das mesas. O seu emprego podía variar segundo a ocasión, a organización da mesa -cubertos, obxectos de prata, fontes de mesa (table fountain), disposición de ramos de flores, e candelabros-, a elección do servizo -francés, inglés ou ruso- e o momento do día (almorzo, aperitivo, xantar, merenda, cea e refrixerio). As pezas producidas -poncheiras, ensaladeiras, oveiras, salseiras, legumeiras, sopeiras, fontes, culleróns, pratos, froiteiros, compoteiras, manteigueiras, cafeteiras, teteiras, leiteiras, azucreiros e cuncas- tamén eran diferentes segundo o seu uso. Unha fonte pode distinguirse coma unha fonte alta para doces e queixos, para doces, para aceitunas, de vaixela, para asados personalizada con iniciais, personalizada e alta con asas, redonda, fonda redonda, cha ovalada, fonda ovalada, fonda octogonal e octogonal para asados. De maneira individual as pezas revelan unha inventiva diversa, a evolución das tendencias, a coherencia estética e uns altos modelos de execución. En troques, dispostas en conxunto, presentan unha imaxe magnífica e fermosa. 
Ademais da singularidade que ocupan na produción de louza, tamén é unha mostra de creación na era das grandes fábricas de porcelana do século XIX: Meißner Porzellan, Manufacture Nationale de Sèvres, Wedgwood, Porcelaine de Limoge ou a Sächsische Porzellanmanufaktur Dresden. En Sargadelos amaban combinar diferentes materiais e referentes, formando un suntuoso estilo que hoxe pode verse no Museo Provincial de Lugo, o Museo de Belas Artes de Coruña, o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo da Cidade “Quiñones de León” en Vigo e o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Temas: SARGADELOS IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Julia López

Una vez más Iria nos regala uno de sus artículos.Este vuelve a ser entretenido, didáctico, muy interesante y bien estructurado. Gracias y hasta el próximo, que sea pronto!!