Manuel María, sesenta anos de poesía. Por Manuel Forcadela

A Universidade de Vigo súmase ás homenaxes a Manuel María co gallo do Día das Letras Galegas. Faino da man de Manuel Forcadela, escritor e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, quen lle adica este artigo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 17/05/2016 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

Desde o Muiñeiro de Brétemas, de 1950, ao Cecais hai unha luz, de 2010, hai sesenta anos de vida pública como poeta nos que Manuel María atesoura nin máis nin menos que sesenta e un títulos. Entre o existencialismo, de raíz cristiá, no inicio, e o primeiro realismo social e a posterior antipoesía, da súa etapa intermedia, para volver a unha poesía máis densa desde o punto de vista conceptual, na súa fase final. Todo un percorrido que define a súa relación coa palabra poética mais que, tamén, é o percorrido da nosa tradición poética contemporánea. 

Manuel María fotografiado por Xurxo Lobato
Manuel María fotografiado por Xurxo Lobato | Fonte: DUVI.

Estas oscilacións, sinalan a presenza de dúas polarizacións básicas: por unha banda, o ético e o estético e, por outra banda, o solidario e o solitario. 

Resulta evidente, na nosa opinión, que estas oscilizacións obedecen, e moito, tamén á procura dun modelo de lector: máis culto ao principio, popular e vindicativo no medio, máis intenso e devoto no final.

Unha comparación con outros poetas do seu tempo e da súa xeración devólvenos unha imaxe ben definida. Non hai máis que dirixir a ollada cara á obra de Antón Avilés de Taramancos, por exemplo, para observarmos en que medida esta superprodución puido minguar algo a intensidade e a beleza da mensaxe. Con todo, a obra poética de Manuel María non resulta para nada irrevelante, sobre todo se temos en conta que son os seus lectores son que actualizan finalmente o seu texto e que a literatura, e por tanto a poesía, non existe sen lectura, sen recepción. E que, obviamente, un autor é, antes de máis, unha figura sociolóxica. 

Habería, ademais, que definir estas tres etapas da súa evolución poética que me semellan salientables. Conteñen no seu interior a semente e os síntomas dunha sociedade que evolúe desde o franquismo dos anos cincuenta, á transición democrática e á sociedade autonómica actual. Ao longo deste período hai modelos literarios, como o primeiro existencialismo, que entran en crise para seren substituídos por modelos do realismo social, que á súa vez volven ser revisados a partir dos anos oitenta. Estas marcas están todas elas presentes na poesía de Manuel María e semella ben curioso comprobar como, a medida que van pasando os anos, permanecen, por máis que por enriba se vaian depositando novos sedimentos, novas marcas e depósitos.

Manuel Forcadela, no exterior da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo
Manuel Forcadela, no exterior da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo | Fonte: DUVI.

"As tres etapas da súa evolución poética conteñen no seu interior a semente e os síntomas dunha sociedade que evolúe desde o franquismo dos anos cincuenta, á transición democrática e á sociedade autonómica actual".

O feito de que o primeiro núcleo de resistencia cultural no interior, logo da Guerra Civil e da inmediata posguerra, xermina no interior dun pensamento de raíz existencialista que ten o epicentro no grupo de ensaísta de Galaxia (Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro, Xoán Rof Carballo, Domingo García Sabell, entre outros) e de aí exténdese, na prosa, primeiro, cara ao Realismo Máxico e, despois, cara á primeira etapa da Nova Narrativa Galega, co’A Esmorga de E. Blanco-Amor, polo camiño, e, na poesía, cara á Escola da Tebra, da que Manuel María é, por certo un dos seus primeiros oficiantes. 

Fronte a este marco existencialista inicial, e mesmo como consecuencia del, vaise impoñendo un novo modelo que ten que ver, por unha banda, coa irrupción da Antipoesía, a partir da publicación do libro de Nicanor Parra 'Poemas y antipoemas', de 1954, e máis en xeral coa nova atmosfera que propicia en toda Europa, en todo o mundo, diría eu, unha vaga en contra do que se denomina tradición idealista (e, por tanto, burguesa) da tradición poética occidental. E, como consecuencia directa, o Realismo Social. Para entendermos que é a Antipoesía debemos partir de dous axiomas:

1. A desacralización do Eu Poético, o seu descenso das alturas onde se situara ao longo do modernismo. E temos que ter en conta aquí en que medida a idea de existencia, fronte á de esencia, está na raíz deste proceso. 

2. A reincorporación da oralidade e, dentro desta, do ton oral, do discurso cotián, non só das palabras senón tamén das estruturas sintácticas, as frases feitas, os lugares comúns do pensamento. 

A Antipoesía vai ser unha escrita elaborada a partir da negación dos trazos esenciais doutros modelos de escrita, e non só modelos de escrita literaria. O antipoema é unha contradición, un contratexto. Non é só o resultado da reflexión senón aínda máis dunha busca levada a cabo desde a poesía mesma. Trátase de ver o poema como un produto falaz, o resultado dunha traición, o acto cometido por alguén que, lonxe de denunciar como a ideoloxía se prende na linguaxe e o poema convértese, por tanto, nun mero propagador desa ideoloxía, aínda que agora incrementado o seu valor. O poeta é agora un novo heroe que ten que desentrañar coas soas armas da linguaxe as armas máis sutís do inimigo, presentes tamén na súa propia linguaxe. 

Velaí, pois, resumido, Manuel María: desde calquera dos seus textos sesenta anos de poesía nos contemplan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non canta na Cha ninguén.... E se cantaramos de novo... ? https://youtu.be/v4trbBIeySY