As Irmandades da Fala, máis vivas ca nunca

O Concello da Coruña, a RAG e Vicepresidencia da Deputación da Coruña celebran o centenario do movemento que supuxo o impulso do galeguismo no país.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 18/05/2016 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

Hai hoxe cen anos nacían oficialmente as Irmandades da Fala. Ese 18 de maio de 1916, Antón Villar Ponte convocaba unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte, entre outros.

Unha das xuntazas das Irmandades da Fala
Unha das xuntazas das Irmandades da Fala | Fonte: intergalcome.uvigo.es

Todos eles acordaban botar a andar a irmandade co obxectivo da defensa, exaltación e fomento da lingua galega. Nomeaban, entón, como Primeiro Conselleiro ao propio Antón Villar Ponte. Deseguido constituíronse diversas agrupacións locais, comezando pola de Santiago de Compostela e seguida polas de Monforte de Lemos, Pontevedra, Ourense ou Vilalba.

Foi Aurelio Ribalta, escritor galego que residía en Madrid e membro dun grupo de intelectuais galeguistas alí establecido, o primeiro en realizar un chamamento á unidade do galeguismo e da defensa da lingua en 1915 na revista Estudios Gallegos.

O 5 de xaneiro de 1916 era Antón Villar Ponte  quen recollía a súa chamada. Curiosamente facíao a través dun artigo en La Voz de Galicia, a diferencia de hoxe, un dos xornais máis progresistas do momento, cunha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego.

As Irmandades da Fala estarían activas ata o 1931, cando os seus integrantes decidiron disolvelas coa creación do primeiro órgano político netamente galego, o Partido Galeguista.

Precisamente, para conmemorar esta data, o Concello da Coruña e a Real Academia Galega (RAG) celebran este mércores 18 de maio o centenario das Irmandades da Fala cun acto no Teatro Rosalía de Castro no que participarán figuras destacadas do sector cultural galego.

As Irmandades volverán á mesma rúa Rego da auga cun acto musical e literario que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro. Será un evento aberto á cidadanía no que participarán catro coros fundados en aquela época e figuras destacadas do sector cultural galego. Durante o acto, leranse textos escritos por Castelao, Antón Villar Ponte, Ramón Cabanillas ou Vicente Risco.

Pola súa banda, a vicepresidente da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e Elvira Varela Bao, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela, ademais doutros familiares de membros das Irmandades da Fala, conmemoraron o centenario da creación desta organización cunha ofrenda floral ante o edificio da rúa Rego de Auga onde tivo lugar a reunión fundacional.

No acto, Goretti Sanmartín manifestou que a homenaxe quere mostrar o desexo de que "os ideais" das Irmandades da Fala se cumpran". Ao respecto, incidiu na necesidade de "recoller as súas propostas polo futuro da lingua, que é o futuro do país", dixo sobre o galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Bufffff

O nacionalismo galego, mais que galego é catalán. Sempre estivo e está pendente de emular o que faga o nacionalismo catalán ou vasco. Ideas propias, non hai. De feito, non se coñece idea, institución ou similar nacida en Galicia que emulasen cataláns ou vascos. Ao revés, de sempre o nacionalismo galego foi unha mala copia do catalán ou vasco. As Irmandades da Fala foron unha burda copia da Nostra Parla catalana e bastante sectarios e impresentable, que ninguén esquece aquel manifesto no que distinguían entre a Galicia traballadora e a "castelanizada e castelanizante". En fin, forman parte da panoplia de mitos nacionalistas, que como calquera outro mito, non recolle toda a verdade.

1 Carlosssss

Como elucubras. Flipo. Teorias ligth. Estuda historia do pais e ten orgullo galego! Menudo resumo cutre. Liches os obxectivos das Irmandades da Fala?

2 Bufffff

¿Entón non cres que foron unha copia da Nostra Parla? ¿Foi casuaiidade que en Cataluña xurdise Nostra Parla e que despois en Galicia xurdiran as Irmandades da Fala, en principio cun galeguismo normal (non vexo nin de lonxe como botarates nacionalistas a Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy Gastón, ou Eugenio Carré Aldao), e da man dos Villar Ponte, completamente entregadas ao nacionalismo?