TSXG avala o despedimento dun profesor dun centro privado da Coruña por tocamentos e comentarios sexuais a alumnos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2025 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou o despedimento dun profesor dun centro educativo privado da Coruña acusado de tocamentos e comentarios sexuais a alumnado. Segundo se recolle na sentenza, o centro comunicou ao docente en marzo de 2024 o despedimento disciplinario tras varios testemuños de alumnos e alumnas que relataban situacións vividas en clase como, por exemplo, tocamentos ou comentarios de índole sexual.

En concreto, un destes testemuños sinalaba que era algo "frecuente" que o profesor lles collese a man para levala ata tocarlles o peito. Ademais, tamén sostén que cando el e os seus amigos falaban de temas sexuais, o docente metíase na conversación e dicíalles que lles enviaría algúns vídeos.

Outros alumnos expuxeron, entre outras cousas, feitos como que a un lle deu unha palmada nos xenitais e a outro lle puxo unha perna encima, así como que realizou comentarios como "a esta bótanlle as tetas" ou "a ver se perreas". O profesor negou as acusacións e alegou inadecuación de procedemento ao considerar que varios dos alumnos foron sancionados por el por "mala conduta", polo que apunta que esa "probablemente sexa a causa de que efectuasen estas denuncias".

Con todo, tal e como relata a sentenza, "a confluencia de tantos testemuños diferentes" leva ao tribunal á "convicción" de que, aínda que algúns dos primeiros alumnos que expuxeron os seus testemuños foron amoestados polo denunciado, as súas declaracións "non quedan desvirtuadas, por coincidir co manifestado por moitos outros alumnos e os seus pais".

"A totalidade dos feitos incluídos nesta carta demostra que cruzou os límites do que debería ser a estrita relación profesor-alumnos, extralimitándose en comentarios, achegamentos, rozamentos, tocamentos e condutas que fan que os alumnos sentan do todo incómodos na súa presenza", subliña a sentenza.

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta