Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/06/2025 | Actualizada ás 14:21
A Xunta ampliou ata as 3.460 as prazas da nova oferta pública de emprego (OPE) no Servizo Galego de Saúde (Sergas), case 2.000 máis do previsto inicialmente. Ademais, aprobouse a próxima oferta de formación sanitaria especializada (OPE), que alcanza o número "máis alto da historia" con 676. Así o avanzaron o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na comparecencia posterior á reunión semanal do Consello da Xunta, que se celebra cada luns.
En canto á OPE, inicialmente informouse de que se convocaríam unhas 1.400 ao aplicar unha taxa de reposición do 120 %, pero agora aplicarase unha taxa adicional para chegar ata as 3.460. Máis concretamente, para a categoría de persoal diplomado sanitario serán 1.340 vacantes, ás que se sumarán outras 1.124 de persoal diplomado en FP, 271 para licenciados sanitarios e 725 para persoal de xestión e servizos.
A CONVOCATORIA FSE "MÁIS ALTA"
No que respecta ao FSE, Rueda destacou que no próximo exercicio 2025-2026 alcanzarase a maior oferta "da historia de Galicia", con 676 prazas, case un 3 % máis que a anterior, ao subir en 19 vacantes. Supoñen, ademais, un 77 % máis con respecto a hai unha década. A convocatoria esgota "o 100 %" das prazas acreditadas polo Goberno central en categorías deficitarias, como Medicina Familiar Comunitaria (207) e Pediatría (27). De feito, nos últimos seis anos, a Xunta ofertou a totalidade de prazas autorizadas a nivel estatal nestas especialidades.
Xunto a isto, o conselleiro de Sanidade subliñou que a convocatoria contemplará 58 prazas de vinculadas á saúde mental, un 3,6 % máis: Psiquiatría (19), Psiquiatría Infantil e da Adolescencia (2), Psicoloxía Clínica (16) e Enfermaría de Saúde Mental (21). Así mesmo, Antonio Gómez Caamaño reivindicou que a Administración autonómica consigna, nos orzamentos para 2025, unha partida de 83,5 millóns de euros para o FSE. O obxectivo da ampliación da convocatoria de OPE e de FSE, en palabras do conselleiro, é contar no Sergas co maior capital humano posible, porque é "o máis valioso" que ten o sistema nun contexto de "déficit acusado" de determinadas especialidades.
MELLORAS NO SISTEMA DE ELECCIÓN
Non en balde, Gómez Caamaño aproveitou a comparecencia para pedir medidas ao Goberno central que "siga mellorando" o sistema de formación sanitaria especializada, despois de adoptar xa algunhas medidas que permitiron que na adxudicación que finalizou en días pasados se puidesen cubrir todas as prazas na Comunidade galega. Por exemplo, dentro destas medidas que reclamaban varias comunidades autónomas, entre elas a Xunta, estivo a eliminación da nota de corte e a recuperación da elección presencial de vacantes. Neste contexto, o conselleiro urxiu mellorar o sistema de chamamento e axilizar a creación de especialidades como a de Medicina de Urxencias e Emerxencias, e Xenética e Laboratorio.
CIBERSEGURIDADE SANITARIA
Por outra banda, o Consello da Xunta deu o visto e prace este luns á contratación de dúas novas plataformas de ciberseguridade para mellorar a protección de datos e dos equipos conectados a Internet que pertencen a Sanidade e ao Sergas. Esta actuación, dentro do plan de ciberseguridade sanitaria presentado en 2023, suporá máis de 2,3 millóns de euros de investimento. O groso, uns 1,7 millóns, estará destinado á protección dos aparellos electromédicos e outros equipos que xestionan as instalacións sanitarias. Así mesmo, outros 635.000 euros permitirán reforzar a seguridade das aplicacións do Sergas que empregan tanto os cidadáns como os profesionais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.