Temas: VIVENDA FOGAR

Os gastos en vivenda, principal problema das familias galegas

Seis de cada dez familias teñen pasan apuros por isto. Máis do 31% das vivendas do país teñen hipoteca ou están alugadas. Case o 11% das casas non ten acceso a unha gardaría pública a uns 15 minutos e o 2,5% carece de centro de saúde a esta distancia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/05/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os gastos totais da vivenda supuñan en 2015 unha carga "pesada" para seis de cada 10 fogares galegos (o 59,45% do total), segundo a enquisa estrutural a fogares que publica este martes o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Paneis solares en diversas vivendas
Paneis solares en diversas vivendas

Esta porcentaxe era maior entre os fogares que tiñan a vivenda en aluguer (70,58%) e menor entre os fogares coa vivenda cedida ou con outro réxime de tenencia (51,95%). Mentres, para o global das vivendas, o gasto neste aspecto representaba unha carga "razoable" para o 36,35%, e non implicaba "ningunha carga" para o 4,2%.

En 2015 existían en Galicia 1.060.907 fogares dos cales: o 28,49% residía en vivendas familiares principais con 50 ou máis anos de antigüidade, o 45,66% entre 20 e 49 anos, o 17,98% entre 10 e 19 anos e o 7,86% restante, menos de 10 anos.

Servizos

En relación aos servizos exteriores, o 82,81% das vivendas familiares principais tiña conexión pública de augas residuais e unha porcentaxe moi similar (82,22%) conexión á rede pública de auga potable.

Construcción de vivendas sociais no Castiñeiriño, Santiago
Construcción de vivendas sociais no Castiñeiriño, Santiago

Aínda que a práctica totalidade das vivendas dispuña de servizo de recollida de lixo nunha contorna inmediata á vivenda (97,65%), a porcentaxe das que dispuñan de servizo de recollida selectiva de lixo baixaba até o 79,50%.

O 60,44% das vivendas dispuña dun centro de saúde ou ambulatorio públicos a unha distancia aproximada de 15 minutos a pé e o 37,06% utilizando algún medio de transporte (o 20,13% tiña a posibilidade de usar o transporte público e o 16,92% non dispuña desta posibilidade). O 2,50% restante non contaba cun centro de saúde (ou ambulatorio) a unha distancia aproximada de 15 minutos.

Tipo de vivendas

No tocante ao tipo de edificio, case a metade (48,27%) eran vivendas unifamiliares (independentes ou encostadas). Os pisos ou apartamentos que formaban parte de edificios con 10 ou máis vivendas supuñan o 34,37% do total de vivendas, mentres que os situados en edificacións máis pequenas (menos de 10 vivendas) conformaban o 17,25% do total.

A superficie media das vivendas galegas era, en 2015, de 107 metros cadrados. Ademais, o 20,47% contaba cunha superficie superior aos 120 metros cadrados.

O 60,22% das vivendas familiares principais galegas tiña como réxime de tenencia a propiedade sen hipoteca en 2015, mentres que as vivendas en propiedade con hipoteca supuñan o 19,81% e as vivendas en aluguer o 11,63%.

No ano 2015, o 99,31% das vivendas familiares principais de Galicia contaba con auga quente (1.053.606 vivendas) e o 71,95% con calefacción instalada (763.290 vivendas).

Principais problemas

Entre os problemas máis habituais sufridos polas vivendas atopábanse as humidades e as deficiencias de illamento térmico e acústico que afectaban ao 28,99% e ao 18,72% dos fogares galegos en 2015, respectivamente.

O 14,31% dos fogares manifestou que sufría problemas de ruído na vivenda. Os máis habituais eran por tráfico terrestre (59,36%) e dos veciños (36,10%).

Por outra banda, o 9,81% tiña problemas de cheiros na vivenda. Neste caso, entre as causas máis habituais atopábanse a canalización e saneamento (41,16%) e as industrias (22,75%).

Por outra banda, aproximadamente o 40% das vivendas familiares principais de Galicia non presentaba ningún aspecto que producise un impacto negativo na paisaxe da súa contorna. De feito, o 86,93% dos fogares galegos estaba satisfeito ou moi satisfeito coa paisaxe da súa contorna.

Temas: VIVENDA FOGAR
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta