Tres premios estatais de investigación para radiólogos de Vigo

Os traballos premiados están centrados en diferentes tipos de exploracións con resonancia magnética e foron recoñecidos pola Sociedade Española de Radioloxía Médica.

Por E.P. | Vigo | 06/06/2016 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

Tres traballos de investigación realizados por radiólogos da área sanitaria de Vigo, centrados en diferentes tipos de exploracións con resonancia magnética, foron premiados no Congreso da Sociedade Española de Radioloxía Médica (Seram), celebrado recentemente en Bilbao. Un dos documentos premiados foi realizado por radiólogos especializados en resonancia magnética e da unidade de mama e noutros dous participaron residentes da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, que se forman en resonancia magnética.

Servizo de radioloxía
Servizo de radioloxía | Fonte: Xunta.

O primeiro traballo obxecto de distinción, titulado 'RM de mama en pacientes de risco', foi presentado no congreso pola investigadora principal, Mercedes Arias. Dende a experiencia destes profesionais, expón o manexo preventivo de pacientes cun risco coñecido de padecer un cancro de mama ao longo da súa vida. A resonancia magnética é unha técnica sensible e específica na detección do cancro de mama.

O segundo traballo centrouse nas complicacións da cicatriz da cesárea e o seu investigador principal foi o doutor Alfonso Iglesias. A investigación demostra como a resonancia magnética axuda ao clínico na toma de decisións ao detectar con alta fiabilidade complicacións que, en ocasións, son difíciles de diagnosticar con outras técnicas.

A terceira céntrase no diagnóstico por resonancia magnética de tumores e malformacións vasculares do sistema musculoesquelético. Segundo explican os autores, as malformacións e tumores de orixe vascular inclúen un amplo espectro de lesións con significativa morbilidade ou mesmo mortalidade. A estratexia terapéutica é diferente segundo o tipo de anomalía vascular e o seu manexo implica a diferentes especialidades médicas, polo que adoptar unha nomenclatura común resulta relevante. Ademais, conclúe que a resonancia é a técnica non invasiva de elección para o estudio de malformacións e tumores de orixe vascular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta