Plantación reivindicativa de eucaliptos na muralla de Lugo para denunciar a destrución do patrimonio

O acto terá lugar o 18 de xuño con motivo da festa do Arde Lucus.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 06/06/2016 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

As asociacións Adega, Cultura do País e Mariña Patrimonio realizarán o próximo 18 de xuño, sábado, unha plantación reivindicativa de eucaliptos na muralla de Lugo para visibilizar a "destrución masiva e indiscriminada" do patrimonio arqueolóxico "a mans da industria forestal".

Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo
Unha platación de eucaliptos destrozou o castro de Castelo de Monte da Arca en Mondoñedo | Fonte: Mariña Patrimonio

Despois de que Mariña Patrimonio e Adega presenten novas denuncias sobre os danos producidos en 40 depósitos arqueolóxicos da provincia de Lugo pola extensión do eucalipto, estas asociacións levarán a cabo unha plantación simbólica na cidade amurallada con motivo da festividade do Arde Lucus.

Este acto terá lugar ás 13,00 horas do 18 de xuño no adarve da muralla, no tramo entre Porta Miñá (Tinería) e a Porta do Bispo Odoario ou do Hospital. Tras iso haberá unha comida de confraternidade e unha visita guiada a Adai.

Estas asociacións sinalan que igual que en Arde Lucus "moita xente en Lugo cambia de rol e pasa de ser un mesmo a converterse en sacerdotisa, senador romano ou guerreiro celta", os asistentes a este acto reivindicativo na muralla converterase "por uns instantes en axentes da industria do eucalipto".

"Como bos destrutores do patrimonio, ao berro de 'Ningún depósito sen eucaliptos', procederemos á eucaliptización da muralla luguesa e, imitando os procedementos do industrial forestal, o faremos sen pedir permiso a patrimonio", indican nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta