O Parlamento Europeo investigará o accidente de tren

A Axencia Ferroviaria Europea deberá remitirlle o seu informe, que até o de agora mantivo en segredo.

Por Galicia Confidencial | Bruselas | 08/06/2016 | Actualizada ás 08:54

Comparte esta noticia

A comisión de peticións do Parlamento Europeo decidiu iniciar o exame das dúas denuncias presentadas pola plataforma de vítimas do accidente do Alvia, ao considerar que "cumpren os requisitos de admisión a trámite".

A Plataforma Víctimas Alvia 04155 , afectados e familiares de mortes no accidente de tren en Santiago, protestan diante das Cortes en Madrid
A Plataforma Víctimas Alvia 04155 , afectados e familiares de mortes no accidente de tren en Santiago, protestan diante das Cortes en Madrid

 

A noticia da admisión das dúas denuncias, unha con que os afectados polo sinistro ferroviario acusan ao Estado español de incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria, e a segunda sobre un posible delito de publicidade enganosa, chegou ao colectivo a través dunha carta remitida pola presidenta da devandita comisión, Cecilia Wikström.

 

A misiva, á que tivo acceso Europa Press, sinala que o asunto "incide no ámbito de actividades da Unión Europea, de conformidade co Regulamento do Parlamento Europeo". "A seguridade ferroviaria está regulada pola UE na Directiva 2004/49/CE (modificada pola Directiva 2008/57/CE, a Directiva 2008/110/CE e a Directiva 2009/149/CE)", engade.

Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE
Intre do accidente do tren Alvia en Angrois en Santiago nunha imaxe dunha cámara fixa de RENFE | Fonte: foon youtube

 

Por iso, o ente da eurocámara informa as vítimas de que "solicitou un informe sobre este accidente á Axencia Ferroviaria Europea", posto que "entre as súas competencias está facer recomendacións ás especificacións técnicas da Comisión Europea sobre a interoperabilidade (ETT) e a seguridade".

 

Así mesmo, "e baseándose nas conclusións dese informe", a comisión de peticións reclama tamén que a Axencia Ferroviaria "propoña accións para mellorar a seguridade ferroviaria en Europa", segundo explica na carta.

 

Así, conclúe que "proseguirá o exame" das peticións da Plataforma Víctimas Alvia 04155 "tan pronto como dispoña da información necesaria".

 

Viaxe en novembro

En novembro, integrantes da Plataforma Vítimas Alvia 04155, que agrupa á maioría dos afectados polo accidente do tren en Santiago que deixou 81 mortos e 144 feridos en xullo de 2013, viaxaron da man do BNG a Bruxelas para reunirse con responsables de transporte da Comisión e do Parlamento europeos.

 

En abril, a Axencia Ferroviaria Europea comunicoulles que rematara o seu exame do informe da CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios) ao respecto das causas do descarrilamento.

 

Despois de varias negativas, o pasado 31 de maio, a Comisión afirmou estar a estudar a posible publicación dese informe, tras pechar o expediente de infracción aberto a España pola aplicación das normas de seguridade ferroviarias da UE. "O proceso de infracción pechouse", segundo confirmou o voceiro de Transportes do Executivo comunitario, Jakub Adamowicz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta