Queres expoñer no espazo Anexo do MARCO?

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo lanza unha convocatoria aberta para a programación do Anexo 2017. O proxecto gañador disporá dun orzamento máximo de 18.000€.

Por GC Tendencias | Vigo | 09/06/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, lanza unha convocatoria aberta para a programación do Anexo 2017, sala de proxectos ubicada no vestíbulo principal do museo.

Mostra no Anexo do MARCO de Vigo
Mostra no Anexo do MARCO de Vigo | Fonte: MARCO.

Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación do actual Anexo pon especial énfase na produción propia: trátase de proxectos específicos para este espazo, formulados como ciclos de exposicións como parte dun mesmo comisariado, con periodicidade anual. O Anexo acolleu ata o momento os ciclos de exposicións “Intertextual” (2015) e “Problemáticas” (2016) .

A nova convocatoria ofrece a oportunidade de programar a actividade do Anexo entre marzo de 2017 e xaneiro de 2018.

O prazo límite para a presentación dos proxectos é o 28 de xullo de 2016.

CONDICIÓNS

A proposta deberá inscribirse dentro do campo do pensamento contemporáneo e queda aberta a todas as formas de creación e á participación de axentes de toda nacionalidade e idade con residencia en Galicia.

A programación do Anexo durante este período non ten que circunscribirse necesariamente a un ciclo de exposicións. A utilización do espazo quedará definido polo tipo de proposta que se desenvolva durante o proxecto, que pode prever tanto momentos ou fases de apertura ao público como procesos internos ou a porta pechada.

O calendario definitivo da programación establecerase sempre de acordo co persoal do MARCO.

A orixinalidade da tese defendida e a pertinencia das referencias propostas serán determinantes na selección do proxecto gañador. Valoraranse positivamente propostas experimentais de carácter colaborativo (con comunidades, grupos sociais, participantes multidisciplinares, etc.), especialmente se teñen un compoñente educativo e que poidan establecer redes de colaboración entre diferentes axentes da cidade.

A versión definitiva do proxecto seleccionado, así como os seus colaboradores, se elaborará e formalizará en estreita colaboración cos departamentos de exposicións e comunicación do MARCO.

O proxecto gañador disporá dun orzamento máximo de 18.000€ para o desenvolvemento do proxecto. O proxecto presentarase no Anexo durante todo o período comprendido entre marzo de 2017 e xaneiro de 2018.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta