Bombeiros da Coruña queren traer a Galicia dous nenos iraquís gravemente enfermos

Poñen en marcha unha campaña para que o Ministerio de Asuntos Exteriores facilite a dous irmáns refuxiados o salvoconduto necesario para ser tratados medicamente na cidade herculina.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/06/2016 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O apagón informativo imposto polo Goberno grego de Tsipras do desaloxo dos campos de refuxiados non está minguando a atención dos grupos e colectivos solidarios que veñen traballando sobre o terreo cos expatriados. Bombeiros da Coruña da Asociación Integral de Rescate en Emerxencias (AIRE) vén de presentar a campaña 'Nin un minuto máis'promovida a través da plataforma Change.org— co obxectivo de que o Ministerio de Asuntos Exteriores facilite a dous nenos iraquís gravemente enfermos o salvoconduto necesario para ser tratados medicamente na cidade herculina.

Bomberos en Acción ergueu unha tenda medicalizada no campo de refuxiados de Idomeni
Bomberos en Acción ergueu unha tenda medicalizada no campo de refuxiados de Idomeni | Fonte: Miguel Núñez.

Trátase de dous irmáns, Mudafar e Ahmed, de 10 e 8 anos que, entre outros problemas, padecen unha hepatopatía crónica con cirrose avanzada, unha enfermidade conxénita que afecta ao fígado.

AIRE, que leva meses colaborando en Grecia na crise humanitaria dos refuxiados, descubriu o seu caso no campamento de Katsikas. Segundo explicaron os seus responsables, foi entón cando iniciaron contactos co Concello da Coruña e especialistas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para tentar tratar os dous irmáns.

O Concello da Coruña formalizou a solicitude ao Ministerio de Asuntos Exteriores para que os menores, xunto cos seus pais, poidan vir á cidade herculina

Nunha rolda de prensa celebrada hoxe, a concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, explicou que este xoves formalizaron a solicitude ao Ministerio de Asuntos Exteriores para que os menores, xunto aos seus pais, poidan vir á cidade herculina. "O documento que falta é un salvoconduto, é solo cuestión de vontade política", recalcou.

Os irmáns Mudafar e Ahmed, nenos iraquís refuxiados en Grecia
Os irmáns Mudafar e Ahmed, nenos iraquís refuxiados en Grecia | Fonte: Change.org.

ATENCIÓN MÉDICA

O xefe do Servizo de Cirurxía Pediátrica do CHUAC, Jesús Caramés, manifestou que nos dous nenos hai "un atraso psicomotor importante", ademais do problema hepático, ao que se suman outros aspectos como a súa desnutrición.

"Hai tamén unha lesión cardíaca pequena", dixo no caso dun dos irmáns. Dos dous, expuxo que a situación máis grave é a do maior. "A súa idade ósea correspóndese a un neno de dez meses", citou tamén.

O doutor Caramés expuxo, baseándose nos informes médicos, que ambos os dous poderían presentar "un defecto conxénito do metabolismo", pero sinalou que hai que facerlles "un estudio xenético e de metabolismo". Especialmente, remarcou que hai que actuar "canto antes" no caso do irmán maior.

SITUACIÓN "CRÍTICA"

Pola súa banda, o coordinador do apartado sanitario da asociación AIRE, Agustín Barreiro, remarcou que o menor, con dous meses, "xa tiña problemas de fígado". Á situación dos menores, sumou a do seu pai, "cunha lesión nas costas" tras un enfrontamento no conflito bélico cos terroristas de ISIS.

Mentres, Diego Velasco, membro tamén desta asociación, cualificou de "crítica" a situación dos menores. "Cada minuto que pasa é en contra da súa vida, necesitan tratamento urxente e temos o diñeiro", dixo sobre o custo do seu traslado e dos seus pais. "Solo fáltanos a documentación", recalcou en declaracións recollidas por Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta