Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/07/2025 | Actualizada ás 13:59
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves o decreto da oferta pública de emprego (OPE) do Servizo Galego de Saúde (Sergas) correspondente ao 2025, que ascende a un total de 3.460 prazas despois da ampliación que aprobou a Xunta nas últimas semanas.
Inicialmente, a OPE constaba de 1.460 vacantes, ao esgotar a taxa de reposición do 120 por cento que recollía a lei de Orzamentos Xerais de 2023, que é a actualmente en vigor. Con todo, o Goberno galego acordou en xuño aplicar un mecanismo excepcional para sectores prioritarios para aumentala noutras 2.000 prazas.
De todos os postos ofertados, 1.340 serán de diplomados sanitarios, 1.124 de Formación Profesional, 271 de licenciados sanitarios e 725 de persoal de xestión e servizos. Ademais, 179 estarán reservadas a persoas con discapacidade xeral e outras 71 con discapacidade intelectual.
Máis detalladamente, entre o persoal diplomado destacan 1.162 vacantes de enfermaría, máis outras 109 de enfermaría especializada e 45 de dietista-nutricionista. No caso dos licenciados, a categoría con maior oferta é a de médico de urxencias hospitalarias (48), a de facultativo especialista en anestesiología e reanimación (25) e a de psicoloxía clínica (17).
Do persoal de FP, a OPE os auxiliares de enfermaría disporán de 975 prazas, os técnicos superiores en imaxe para diagnóstico de 60 e os técnicos superiores de laboratorio de diagnóstico clínico outras 60.
Así mesmo, en canto ao grupo de xestión e servizos, os principais grupos son celadores (198), persoal de servizos xerais (185) e auxiliares administrativos (130). Todas estas prazas xuntaranse con outras que hai pendentes de convocar nos seus respectivos procesos selectivos que, en total, sumarán 5.550 vacantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.