Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/07/2025 | Actualizada ás 22:00
O pasado día 9 de xuño de 2025, o Consello da Xunta aprobaba a prolongación da coñecida como Autovía da Costa da Morte, unha infraestrutura anunciada en 2002 como un dos proxectos estrela do famoso Plan Galicia para reactivar toda a comarca da Costa da Morte, moi afectada, entrón, pola marea negra do Prestige. Unha vía que, 23 anos despois, segue sen executarse.
Actualmente, a coñecida como Autovía da Costa da Morte ten aproximadamente 56 quilómetros de lonxitude, dun total de 77 que se recollían inicialmente. A autovía divídese en dous tramos principais: un que une A Coruña con Carballo, con peaxe de 2,6 euros, e outro que continúa desde Carballo até Baio. O primeiro tramo ten uns 35 quilómetros, mentres que o segundo, engade uns 27 quilómetros.
Deste gran vial quedaría un tramo aínda de 15 quilómetros que uniría Baio con Berdoias (uns 15 kilómetros). Este tramo adicional da autovía, a maiores do aprobado no Plan Galicia, foi licitado polo Goberno de Emilio Pérez Touriño, pero o contrato foi rescindido no Goberno de Alberto Núñez Feijóo e cambiado por unha nova licitación onde se elixiu a oferta máis alta, que case dobraba o custo inicial e que recibiu unha denuncia da segunda candidata nesa licitación. Ese tramo está pendente de levarse a cabo, xa que o Executivo de Alberto Núñez Feijóo perdooulle á empresa a execución destes 15 últimos quilómetros en 2013 alegando problemas ecónomicos da adxudicataria.
Nos últimos anos foron numerosas as protestas de entidades empresariais da Costa da Morte, así como de concellos socialistas e nacionalistas, polos incumprimentos reiterados dos sucesivos gobernos do PPdeG. Con todo, no DOG do pasado 27 de xuño publicase o proxecto a Información pública da “primeira fase da prolongación da autovía da Costa da Morte, treito Santa Irena-AC-432”. Un proxecto que conta cunha calzada dun carril para cada sentido e velocidade de 90 km/h tendo un treito cun carril para vehículos lentos, sentido A Coruña. É dicir, que xa non se trata dunha autovía, senón do modelo que nos últimos tempos está utilizando a Xunta en algunhas infraestruturas; as vías de alta capacidade.
O novo tramo terá unha lonxitude de 5,5 quilómetros e construirase sobre un trazado con parte do movemento de terras xa executado para a construción da proxectada autovía. A obra incluirá a construción de dúas ligazóns e a previsión dun terceiro, tres viadutos, seis pasos superiores e outro tres inferiores, así como seis obras de drenaxe.
CANDO SE ANUNCIABA QUE ÍA SER AUTOVÍA
En abril de 2012, o entón exconsellerio Agustin Hernández acudía á Costa da morte para anunciar a construción da Autovía entre Carballo e Berdoias. O conselleiro dicía entón que "o vindeiro ano --2013-- poderá circularse entre Carballo e Berdoias a través dunha autovía libre de peaxe".
Hernández lembraba entón que "a porcentaxe de execución da Autovía da Costa da Morte xa acada o 22%" e que non avanzaban máis polas dificultades financieiras da UTE concesionaria (Copasa – Covsa – CRC – Taboada y Ramos). "As obras están en pausa, que non paralizadas e a solvencia do Goberno galego e das propias construtoras permitirán á concesionaria pechar o financiamento necesario para o remate da infraestrutura", dicía antes de paralizarse definitivamente e de acabar cunha peaxe autonómica. "Non é momento de sementar dúbidas, nin de pór pedras no camiño desta autovía que os cidadáns levan esperando moitos anos", concluía.
CRÍTICAS DO PSdeG
Precisamente, tras o anuncio da activación desta infraestrutura, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudía o pasado mércores a Vimianzo para anunciar que os socialistas "redobrarán" a súa "ofensiva" fronte á "negativa da Xunta" a levar a autovía da Costa da Morte ata Cee, o que incluiría máis de 16 quilómetros de autovía. "Redobraremos a nosa ofensiva en todas as institucións para pór fin a esta discriminación e garantir un trato digno aos veciños desta comarca", aseguraba o xefe de filas do PSdeG.
Pedía unha infraestrutura viaria "completa e sen peaxes", que chegue ata Cee e sexa gratuíta tamén no tramo entre Carballo e A Coruña porque "é clave para vertebrar a comarca, garantir a mobilidade e impulsar o seu desenvolvemento". Con todo, sostivo que "a cidadanía leva 17 anos esperando por unha infraestrutura" que, segundo indicaba, os socialistas deixaron proxectada cando gobernaron a Xunta e que o PP "recortou".
RUEDA RESPONDE
Preguntado por estas críticas por Galicia Confidencial, Rueda limitouse a responder: "Ao PSOE o que o pillou descolocado é que seguísemos". Defendeu que "antes de expor novas infraestruturas viarias é necesario terminar as que xa existen", polo que "ten os seus trámites". "Supoño que o que descoloca ao PSOE é que fixésemos precisamente iso; se non o estivésemos facendo, estaría a reclamar o que xa fixemos", agregou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.