Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/07/2025 | Actualizada ás 20:35
Hai persoas que non precisan nacer nun lugar para pertencer a el. Ás veces, abonda cunha emoción, cunha primeira mirada, coa forma na que a alma se acomoda nunha paisaxe. A Jennifer, unha moza de 29 anos que reside en Vitoria, chegoulle con cruzar a fronteira galega para sentir que retornara á casa sen ter estado aquí nunca antes. Dende entón, Galicia para ela non é só un destino máis: é o seu refuxio, o seu proxecto de vida, a súa identidade. Tanto, que leva tatuados na pel algúns dos nosos símbolos: a ponte de Rande, un hórreo, un polbo, varias frases en galego... Porque, como ela mesma di: "Son galega non por ter nacido en Galicia, senón porque Galicia naceu en min".
Jennifer ten sangue galego por parte dos seus pais, concretamente da provincia de Pontevedra. "Todo o tema de Galicia tócame moito", explica a Galicia Confidencial. Pero o 'flechazo' verdadeiro chegou cando por fin visitou a nosa terra por vez primeira a través dun circuíto cultural. "Foi entrar en Galicia e para min foi como trasladarme a outro mundo: atopei un refuxio de paz, unha tranquilidade que non experimentara antes, coma se fose o meu fogar sen ter estado nunca previamente", conta. E, dende entón, xa visitou Galicia máis de 10 veces: "Procuro ir alo menos dúas veces no ano".
"O POLBO Á FEIRA, O CALDO E O COCIDO GALEGO TERÍAN QUE SER PATRIMONIO DA HUMANIDADE"
A súa conexión con Galicia vai moito máis aló do turismo convencional. Ela e a súa parella están organizando a súa vida cun obxectivo claro: mudarse á nosa terra. "Daríanos igual a zona, aínda que preferiríamos as Rías Baixas, pero toda Galicia é preciosa e ten un feixe de cultura, paisaxes e tradicións que paga a pena valorar", apunta. Mentres ese soño non se cumpre, continúa explorando o territorio galego, pois confesa que aínda lle quedan algúns lugares por coñecer, como a Praia das Catedrais en Ribadeo ou a Ribeira Sacra, pese a que se coñece 'ao dedillo' as Rías Baixas. Jennifer adoita pasar entre 7 e 9 días sempre que vén a Galicia e desprázase ata aquí en autobús. "Manéxome bastante ben, coñezo ben as combinacións de transporte e onde coller os buses", conta.
Unha das cousas que máis lle fascinan de Galicia é a gastronomía. "O polbo á feira, o caldo e o cocido galego terían que ser patrimonio da humanidade, porque aínda que no País Vasco tamén se come moi ben, cando vou a Galicia todo me sabe máis sabroso", afirma. E non é só a comida o que lle roubou o corazón a Jennifer, tamén a nosa xente. "A verdade é que os galegos son moi amables en xeral; por exemplo, algunha vez a miña parella tense esquecido do móbil nun bar e, ao volver por el, o móbil seguir alí, algo que en Vitoria resulta impensable", chancea.
"TIÑA CLARO QUE QUERÍA TATUARME ALGO DE GALICIA E TEÑO A PONTE DE RANDE COAS BATEAS, UN HÓRREO, UN POLBO, UN SÍMBOLO CELTA E O CAMIÑO"
O seu amor pola nosa terra é tan fondo que decidiu gravalo na súa pel: "Tiña claro que quería tatuarme algo de Galicia e agora mesmo teño a ponte de Rande coas bateas, un hórreo, un polbo, un símbolo celta, a cruz do Camiño de Santiago e unha frase en galego que significa moito para min e coa que me identifiquei dende que a vin: 'Son galega non por nacer en Galicia, senón porque Galicia nace en min'", conta, visiblemente emocionada. Para ela esas tatuaxes eran unha maneira de "ter sempre unha parte de Galicia na miña pel ata o último día da miña vida", resalta.
Ademais, sobre o caso concreto da ponte de Rande, confesa que sente unha conexión moi especial: "Semella o de San Francisco, e para min ten algo máxico, algo moi especial, polo que sempre que vou a Galicia é unha parada obrigatoria ir a un mirador con vistas a Rande para facerme unha foto coa ponte". E tamén ten na mente facer o Camiño de Santiago: "Quero facer o Camiño Portugués". Deste xeito, aínda que asegura que tamén hai outros lugares no mundo que lle tocan a alma, "a conexión que teño con Galicia é tan única que non podería comparala con ningún outro lugar".
"GUSTARÍAME QUE A XENTE DE GALICIA REFLEXIONE SOBRE A SORTE QUE TEN, SE SINTA ORGULLOSA E PELEXE PORQUE A CULTURA E O IDIOMA SE CONSERVEN"
Jennifer non só visita Galicia, tamén a incorpora á súa vida diaria. Está aprendendo galego, sobre todo lido y escrito, e intenta introducir expresións na casa para que a súa parella tamén se vaia familiarizando co idioma antes de mudarse definitivamente á nosa terra para emprender o seu novo proxecto de vida. Así mesmo, a música galega tamén a acompaña. Escoita muiñeiras e encántanlle as Tanxugueiras e confesa que hai dúas cancións que lle removen especialmente: 'Son galego', de Dirty Suc; e 'Padiante', de Sen Senra. "Emociónanme moito", asegura, e detalla que "unha parte da canción di que se veñen a tinguir de negro o noso verde, limpámolo coas nosas mans, en referencia ao Prestige", o que fai que "se me poña a pel de galiña e se me enchan de bágoas os ollos".
"Para min ser galega non é un xentilicio unicamente, é un sentimento bastante fondo", asegura, e resalta que "aínda que non nacese en Galicia, eu síntome moi galega, e moi orgullosa", afirma cunha convicción que non deixa lugar a dúbidas. E conclúe cunha mensaxe dirixida a quen si naceron na nosa terra: "Gustaríame que a xente de Galicia que lea estas palabras reflexione sobre a sorte que ten e se sinta orgullosa da súa terra e pelexe porque a cultura, o idioma e as paisaxes tan fermosas que teñen se conserven o máis enxebres posibles". Jennifer despídese de nós con estas conmovedoras palabras e con esa morriña no peito de quen quere volver á súa casa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.