Como evitar os principais riscos no verán

Moitas das emerxencias xorden nas últimas horas do día, mentres aínda hai luz, pero non a suficiente para resolver algunhas situacións críticas. No ano 2023, o 112 Galicia chegou a acumular unha media de 1.300 intervencións dos equipos de emerxencias entre as 3 e as 4 da tarde e case 1.500 entre as 7 e as 8 da noite de xuño, xullo e agosto. A prevención e a auto protección, os camiños máis certeiros para evitar os riscos no verán.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/07/2025 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Cada verán, o 112 Galicia experimenta dous picos, en relación ao número de incidencias xestionadas, ao longo dunha xornada de 24 horas: arredor das 15 e das 20 horas. Isto pode coincidir bastante cos hábitos da poboación durante a etapa estival: o día comeza máis tarde e prolóngase ata avanzada a noite.

Un home maior bebe auga dunha botella nun día de intensa calor
Un home maior bebe auga dunha botella nun día de intensa calor | Fonte: Arquivo

Parece lóxico e normal que, con máis horas de luz, que se aproveiten ao máximo as posibilidades de gozar do bo tempo e das actividades ao aire libre, pero tamén crecen exponencialmente as probabilidades de atopar unha situación crítica. No ano 2023, o 112 Galicia chegou a acumular unha media de 1.300 intervencións dos equipos de emerxencias entre as 3 e as 4 da tarde durante os meses de xuño, xullo e agosto, e unha media próxima ás 1.500 (1.484) entre as 7 e as 8 da noite nos mesmos meses.

E isto só no que se refire ao exercicio do 2023, porque, en 2024, cando se contabilizou un número de incidencias anuais menor (233.289), mantívose unha media de emerxencias superior ás 1.000 entre as 3 e as 4 da tarde, e as 1.200 das 7 ás 8 da noite no mesmo período estival.

AUMENTAN OS RESCATES

 

Segundos datos do Goberno galego, no 2024, os rescates de persoas en situación difícil acadaron as 336 incidencias, destacando os meses centrais do ano: entre maio e agosto, cando se rexistraron case a metade dos casos do 2024 (45%) —en contraste con tipoloxías máis propias dos períodos iniciais e finais do ano como os incendios urbanos. Nesta categoría, o 58% dos casos foron resoltos con coordenadas, o que pon de manifesto a mellora nos sistemas de localización en comparación con 2023 (40%) e 2022 (16%).

Persoal de Emerxencias 112
Persoal de Emerxencias 112 | Fonte: Xunta

 

O comportamento das estatísticas debuxa un panorama similar en relación aos rescates no espazo marítimo. Estes son os datos: os operativos diminuíron en 2024, rompendo unha tendencia ascendente, aínda que a proporción de casos con coordenadas superou por primeira vez a aqueles sen esta información. Os meses de xuño, xullo e agosto supoñen case a metade das incidencias deste tipo xestionadas polo 112 Galicia (46%). 

 

REFORZOS NA ÉPOCA DE VERÁN

Con estes datos cómpre facer unha chamada ao sentidiño e non ter que botar man do servizo de emerxencias, cómpre ter en conta que os factores de tempo e espazo condicionan a capacidade de resposta dos equipos de intervención, pois, como indican os datos, moitas das emerxencias xorden nas últimas horas do día, mentres aínda hai luz, pero non a suficiente para resolver algunhas situacións críticas.

 

Por iso, e á vista das estatísticas, o 112 Galicia reforzou as quendas de traballo e aumentou o persoal en todos os horarios, pero con especial atención á tarde e á noite. "Existen oscilacións nas quendas en función dos días da semana porque nótase menos actividade os días centrais, martes e mércores, en comparación coa fin de semana, agás os domingos, cando volve descender o fluxo de emerxencias, posiblemente pola proximidade do luns e a fin das múltiples citas culturais e festivas ao longo da xeografía galega durante o verán", apuntan desde a Xunta.

Polo tanto, a reestruturación responde aos movementos da poboación en período estival, cando os xoves se converten en parte da fin de semana debido á abultada e dilatada oferta cultural. Con todo, a capacidade de resposta do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia permite contar con persoal extra se fose necesario e en calquera momento do día e mesmo do ano.

PREVENVIÓN E AUTO PROTECCIÓN

Se o obxectivo é reverter as estatísticas do verán, o camiño máis certeiro é o da prevención e a auto protección. Esta é a mellor forma que ten de colaborar a cidadanía cos servizos de emerxencias, xa que a situación máis fácil de resolver é aquela que nunca ocorre. Coñecer a contorna onde se vai realizar unha actividade, xa sexa algunha práctica deportiva, un paseo ou un baño no mar ou no río, é fundamental. Planificar con antelación a ruta, escoller unha modalidade deportiva axeitada ás nosas condicións físicas e garantir a comunicación en caso de emerxencia son aspectos claves para reducir os riscos.

Ademais, nas actividades en espazos acuáticos resulta imprescindible adaptar o corpo á temperatura da auga con fin de evitar choques térmicos irreversibles. Esta cuestión convértese en ineludible se o baño o realizamos no río, porque os cambios térmicos son aínda máis bruscos entre a superficie e o fondo. Mesmo, en espazos acuáticos, é case obrigado coñecer ben certas condicións, como correntes e profundidade. Tamén escoller aqueles lugares onde hai persoal de vixilancia e evitar, absolutamente, realizar calquera actividade ou inmersión baixo os efectos do alcohol. 

OLLO ÁS ALTAS TEMPERATURAS

Outra cuestión que debemos ter en conta para auto protexerse durante o período estival son as altas temperaturas, e máis aínda se se realizan actividades que impliquen un grande esforzo. De feito, o comezo deste verán estivo marcado por fenómenos extremos en canto á calor, que, posiblemente, se repitan ao longo da estación, de aí a importancia de garantir unha boa hidratación (beber aínda sede), máis no caso dos menores e maiores. Tamén, agardar a que os termómetros baixen para realizar calquera actividade que supoña unha exercicio físico intenso é outro dos aspectos claves, como vestir roupa lixeira e folgada, mesmo de cores claros. E, se as condicións o desaconsellan, buscar un lugar fresco ou permanecer na casa mentres a calor persista. E é que calquera prevención non sobra candos se trata de evitar os efectos das altas temperaturas.

Sala de operacións 112 Galicia. XUNTA
Sala de operacións 112 Galicia. XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta