Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/08/2025 | Actualizada ás 15:14
A Xunta de Galicia impulsa máis de 3.400 actividades culturais en 200 concellos para este verán ao abeiro da campaña 'Para gustos, cultura', un programa que abrangue tanto proxectos propios como en colaboración con outras administracións públicas e entidades privadas. Trátase dunha axenda que lle dá continuidade ás campañas estivais anteriores, desenvolvidas no 2023 e no 2024, cando se levaron a cabo 2.500 e 2.700 accións respectivamente.
Así, a programación engloba a todo o sector cultural, asumindo o Goberno galego un papel proactivo na xeración de contidos, poñendo o foco en todo tipo de público, desde a cativada e a mocidade, ás familias e á xente de maior idade, e chegando a todo o territorio, con especial sensibilidade no rural, máis especialmente este ano coa entrada en vigor da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada desde a Xunta, e que ten por obxectivo eliminar barreiras de toda índole no acceso á cultura. Así o destacou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, ao sinalar, durante a presentación destas actividades que “é a programación estival con máis accións das realizadas ata o de agora e coa oferta máis diversificada e descentralizada da nosa historia”.
Durante acto, o representante do Goberno galego explicou que se trata de proxectos de interese cultural, tanto propios como en colaboración con outras administracións públicas e entidades privadas, que se estenderán durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro “asumindo un papel proactivo na xeración de contidos co obxectivo de englobar a todo o sector cultural, apoiar a industria galega neste eido e ofrecer propostas diversas, de calidade e para todos os públicos”.
Neste senso, López Campos destacou que este ano “ponse o foco en todo tipo de público, desde a cativada e a mocidade, ás familias e á xente de maior idade, construíndo un programa accesible a toda a sociedade con independencia dos seus gustos, intereses, idade ou lugar de residencia”. Ademais, resaltou, “o programa fai especial fincapé no rural, facilitando que multitude de expresións artísticas estean ao alcance de calquera lugar de Galicia”.
ACTIVIDADES
Deste xeito, organízanse máis de 1.300 actividades que teñen que ver coas artes escénicas, a produción audiovisual, circuítos de danza, maxia, música, circo e distintos espectáculos de rúa. A eles súmanse máis de 500 accións de dinamización da cultura, ademais das propostas artelladas nos equipamentos xestionados pola Xunta como son os museos, os arquivos e as bibliotecas, onde, ademais de exposicións, tamén se ofrecen múltiples opcións de lecer lúdico e cultural para todos os públicos.
O programa responde ao obxectivo de atender ás necesidades e intereses de toda a poboación, propoñendo baixo o paraugas de Para gustos, cultura, desde grandes eventos a outros de pequeno formato, facendo fincapé este ano no arraigo da cultura popular con propostas que teñen que ver coa poesía oral e as cantareiras, homenaxeadas este ano polas Letras Galegas, ou coa celebración do Ano Castelao.
MÚSICA E FESTIVAIS
A música, en todas as súas vertentes, é unha das disciplinas principais da oferta de verán da Xunta, cun calendario de actuacións que vai desde a música tradicional galega, as bandas e os grupos e artistas de raíz como Ugía Pedreira, Milladoiro ou A Roda, a concertos de moi diferentes estilos como a lírica ou os sons máis actuais, apostando en gran medida polo talento galego.
Neste senso, destacan as máis de 40 citas musicais da Rede Galega de Música ao Vivo ou os festivais organizados baixo a marca Fest Galicia como é o Sinsal ou o SonRías Baixas. A eles hai que sumarlle outros encontros consolidados no estío como o Atardecer no Gaiás, que chega na súa decimoquinta edición cun cartel de 13 artistas. En total artéllanse ao redor dos festivais, tanto musicais como doutra tipoloxía, máis de 400 iniciativas. Exemplo desta variedade son os festivais audiovisuais, como o FIC Bueu, os de narrativa como Atlántica ou os de artes escénicas como a Mostra de Teatro de Ribadavia ou o Festival Agustín Magán de Teatro Afeccionado. Son propostas ás que se engaden máis de 600 actuacións nos concertos do Xacobeo, promocionados polo Goberno galego.
ARTES ESCÉNICAS
Estes meses de verán supoñen tamén unha boa oportunidade para achegarse a proxectos escénicos de gran calidade, un eido no que cobra especial protagonismo o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta, que pon sobre as táboas neste tempo 69 actuacións. En canto a espectáculos tamén é de salientar o programa Cultura no Camiño, que percorre os concellos das rutas xacobeas con multitude de funcións, superando as 300, para todo tipo de público, con especial atención ao familiar. Tamén outro recoñecido ciclo, Danza 3, ten programadas 10 citas para os próximos meses.
Tamén o público poderá gozar de 43 exposicións nos museos, bibliotecas e arquivos xestionados pola Xunta, ademais das 640 actividades organizadas nestes espazos para completar a súa oferta cultural. Así, entre as mostras, destaca a experiencia inmersiva Castelao. Mirar por Galicia, coa que se convida na Cidade da Cultura a interactuar de maneira virtual co universo do intelectual homenaxeado este ano; a proposta do Museo de Belas Artes, que con A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo, fai un percorrido po las súas múltiples facetas, ou unha das exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea, Priscilla Monge. Cuestións de vida ou morte.
Pola súa banda, ao abeiro dos centros da Rede de Bibliotecas Públicas que coordina o Goberno galegos ofrécense obradoiros, campamentos e accións de animación á lectura, entre as que destaca o programa Ler conta moito, co obxectivo de fomentar o hábito lector entre a cidadanía. Ademais, A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles, achega estas actividades a 30 municipios das provincias de Lugo e Ourense a través das súas tres rutas. Moitas das propostas nestes centros corresponden ao desenvolvemento do Plan Corresponsables Cultura, un programa de conciliación para as familias a través destes espazos centrado en espertar a curiosidade pola cultura nas idades máis temperás.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.