Elaboran a primeira clasificación dos principais combustibles forestais de Galicia

Investigadores da Escola Politécnica Superior da Universidade de Santiago establecen catro grandes grupos diferentes de combustibles forestais.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/06/2016 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Investigadores do grupo Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior (EPS) do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC) veñen de elaborar a primeira clasificación dos principais combustibles forestais de Galicia, unha publicación que leva por título ‘Foto-guía de combustibles forestais de Galicia’.

Stéfano Arellano, coa 'Foto-guía de combustibles forestais de Galicia'
Stéfano Arellano, coa 'Foto-guía de combustibles forestais de Galicia' | Fonte: USC.

O volume, en cuxa primeira versión participaron como autores os investigadores da EPS Stéfano Arellano, José A. Vega, Ana D. Ruiz, Antonio Arellano, Juan Gabriel Álvarez, Daniel J. Vega e Elena Pérez, establece catro grandes grupos diferentes de combustibles forestais (herbazais, arbustos, arborado de folla perenne e arborado de folla caduca).

Os autores desta publicación subdividen asemade estes catro grandes grupos en varios subgrupos, atendendo ao criterio botánico de xénero e distinguen así entre as diferentes especies que dan lugar a situacións de combustible. Daquela, a citada publicación inclúe un total de 150 situacións de combustible, cuxo contido se recolle noutras tantas fichas.

Cada unha das fichas compiladas nesta foto-guía inclúe imaxes xerais de calidade e información completa e detallada das características fisionómicas, estruturais e dasonómicas das situacións de combustible avaliadas. Esta información aparece asemade relacionada con predicións de comportamento de lume asociadas a cada situación de combustible nas fichas.

As variables do comportamento do lume contempladas son: velocidade de propagación do lume en superficie e en copas, lonxitude das lapas, distancia dos focos secundarios e tipo de ataque ao lume e medios convenientes.

Este estudo, que vén de presentarse en Lourizán no marco dun obradoiro sobre xestión preventiva de combustibles forestais, pode servir de gran utilidade á hora de avaliar o risco dos citados combustibles, ademais de para xerar cartografía dos mesmos, deseñar e avaliar tratamentos preventivos e tamén para predicir o comportamento do lume na extinción de incendios.

A elaboración e posterior publicación da primeira ‘Foto-guía de combustibles forestais de Galicia’ contou con financiamento a cargo de diversos proxectos nacionais e rexionais que recibiron partidas dos fondos Feder. Na realización dos traballos compilados neste volume colaboraron, ademais da USC, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Ingacal, INIA, Satfor, Universidade de Juárez do Estado de Durango (México), Inditex e a Xunta de Galicia, a través das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Medio Rural, así como da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta