Caen as exportacións galegas case un 8% en maio, cun esborralle de vendas a Estados Unidos

Pola contra soben as exportacións cara España

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2025 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

As exportacións galegas quedaron nun valor de 2.661,9 millóns de euros en maio de 2025, un 7,7% menos que no mesmo mes de 2024, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Este descenso contrasta co incremento medio do 0,8% das vendas ao exterior no conxunto do país, con exportacións por valor duns 35.000 millóns de euros.

Por destino xeográfico, as exportacións á UE (69,6% do total) presentan un recorte do 11,2%. Destaca o afundimento en Países Baixos (-41,9%), Italia (-35%) e Francia (-12,9%).

Nun contexto de anuncios arancelarios do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, as vendas de Galicia ao país norteamericano esborrállanse un 52% en comparación co mes de maio de 2024.

Os produtos cunha influencia máis negativa nas exportacións foron os combustibles, cun esborralle do 55%. Os seguintes produtos con maiores descensos foron automóbiles (-2,2 puntos) e barcos (-1,4 puntos). En cambio, as manufacturas de fundición son as que achegan maior incremento (+0,5 puntos).

LIXEIRA SUBIDA NO CINCO PRIMEIROS MESES

No tocante ao acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e maio, as exportacións galegas crecen lixeiramente en comparativa interanual (+0,3%), con 12.894,8 millóns, tamén por baixo do repunte do 0,8% no país, que rexistra vendas por 163.383,6 millóns.

As vendas de automóbiles son as que presentan mellor comportamento neste período en Galicia (+2,1 puntos), á vez que os combustibles son os de maior caída (-2,2 puntos).

Mentres, a taxa de cobertura entre exportacións e importacións é do 144% no cinco primeiros meses na comunidade, cun saldo positivo de 3.942,5 millóns entre exportacións e importacións. A taxa española é só do 88,4%, cun saldo negativo de 21.524,8 millóns.


Fábrica de Stellantis en Vigo / STELLANTIS VIGO - Arquivo / Europa Press
Fábrica de Stellantis en Vigo / STELLANTIS VIGO - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta