Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2025 | Actualizada ás 13:34
A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou á Consellería de Política Social de "boicotear" a Lei de Dependencia en Galicia e de "escatimar" información aos galegos que poderían recibir estas axudas. Así, referiuse a unha "estratexia miserable" coa que acusou á Xunta de "xogar cos dereitos dos galegos e das galegas para evitar asumir estas axudas e conseguir que o 40 % dos potenciais beneficiarios simplemente queden á marxe do sistema".
Neste contexto, denunciou que o Goberno galego "non ten ningún escrúpulo" á hora de "cargar" aos concellos con servizos como o de Axuda no Fogar "sen garantir os fondos necesarios, afogando as finanzas municipais e pondo ao límite as prestacións sociais". A maiores, a portavoz de Política Social do Grupo Socialista denunciou que o PP "fai unha pantalla de fume" ao "sinalar" ao Goberno central e aos concellos "mentres entorpece o cumprimento do dereito á Dependencia en Galicia".
Neste sentido, destacou que a reforma da Lei e o incremento de 52,4 millóns de euros para Galicia por parte do Estado anunciados esta semana "garanten unha prestación plena á espera de que o Goberno galego cumpra coas súas obrigacións". Por todo iso, os socialistas esixiron ao Executivo autonómico que "deixe de dar escusas de mal pagador" e incremente o esforzo na Dependencia, "tal e como lle corresponde". Con todo, instaron á Xunta a "pór o pé no acelerador da Dependencia" e a atender "de forma escrupulosa" as tramitacións das solicitudes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.