Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2025 | Actualizada ás 14:51
A asociación de veciños O Cimborrio reclamou ao Concello de Ourense "feitos e protección efectiva contra o ruído, non titulares" despois de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, destacase que o concello da provincia conta co aval xudicial na xestión de festas.
En concreto, o pasado 17 de xuño, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou un recurso de apelación presentado por dous veciños da cidade contra unha sentenza do Xulgado do Contencioso número 2 de Ourense, que rexeitara a súa demanda contra o ruído debido aos concertos no centro histórico nas festas de 2024.
Tras coñecerse a desestimación do recurso presentado por estes veciños, o alcalde de Ourense trasladou nunha nota de prensa que o TSXG lle daba "a razón" na súa "liña de facer compatibles o dereito ao descanso dos veciños coa celebración de eventos festivos na cidade". En resposta a estas declaracións, a asociación O Cimborrio denuncia "falta de rigor" na comunicación do Concello e fai referencia a outra sentenza do TSXG do 22 de abril de 2025, en relación ao ruído na festa de entroido de 2024.
En concreto, esta asociación de veciños presentou un recurso de apelación contra unha sentenza que desestimaba o recurso contencioso-administrativo contra "a programación de concertos e sesións de dj na vía pública previstos dentro das festas dos entroidos 2024".
Aínda que o recurso de apelación foi desestimado, o fallo presentado polo TSXG o pasado abril e do que informou a asociación, sostén que "as medidas adoptadas para a suspensión dos obxectivos de calidade acústica demostráronse ineficaces" e consideraba que "as medidas" debían "mellorarse a futuro, complementando outras que rebaixen o ruído e no seu caso as molestias".
A sentenza expuña, ademais, a necesidade de "atopar unha situación de equilibrio" nas medidas futuras que adopte o concello, ante molestias que, conforme recoñecía, son "puntuais nunha festa que se celebra en toda Galicia con maior ou menor impacto". Así as cousas, a asociación lamenta que o ruído no centro histórico da cidade é un problema "constante durante os 365 días do ano" e indica que esta sentenza "desmente o aval xudicial" á organización municipal das festas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.