Consellos para un San Xoán máis verde

ADEGA recorda que o mellor xeito de lidiar cos residuos é reducir a súa produción. Na Coruña o concello pide que se usen vaixelas reutilizables e premiará a aqueles que reciclen os envases con premios como abonos para o Dépor.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/06/2016 | Actualizada ás 20:53

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña informa que xa ten xa preparado o dispositivo especial para a noite de San Xoán, que mobilizará mañá a medio millar de efectivos por toda a cidade, para velar pola seguridade das miles de persoas que está previsto que se acheguen ás praias e ás lumeiradas por mor da festa de San Xoán.

San Xoán Castrolandín
San Xoán Castrolandín

A asociación ecoloxista Adega lembra a gran cantidade de refugallos que se produce esta noite, que con frecuencia rematan cubrindo praias, campos da festa e rúas. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido", argumentan os ambientalistas.

Para loitar contra acumulación de lixo, o Concello da Coruña distribuirá ecovasos coa colaboración de Ecovidro- Tamén hai premio para quen recicle os envases: 3.000 convites para o Aquapark de Cerceda, cinco bicicletas e cinco abonos anuais do Deportivo. O Concello recomenda empregar, na medida do posible, vaixelas ou cubertos reutilizables ou, no seu defecto, de papel e cartón e lembra que non está autorizado baixar con vidro (botellas, vasos, etc..) ás praias.

Dende ADEGA, ademais, danse as seguintes recomendacións para un festa do solticio máis verde:

-Acotar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais. Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas. 

Lixo na praia tras San Xoán
Lixo na praia tras San Xoán | Fonte: bluebrigadium.blogspot

-Evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Tede en conta que mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en periodo de cría, como a píllara das dunas. 

-Ter previsto e sinalizado zonas de aparcamento e servizos hixiénicos, e se é posíbel, un posto de información permanentemente atendido. Para evitar problemas coa volta a casa podes achegarte andando ou en bici á cacharela máis próxima, sen esquecer o chaleque reflectante. 

-Dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións... 

-Para reducir o volume de refugallos xerados unha boa medida é usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornábeis, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles. Tentaremos evitar, na medida do posíbel, o uso de vaixelas de usar e tirar, e de ter que facelo, que sexan preferibelmente de papel/cartón e non de plástico. 

-Debería haber suficientes contentores para a recollida selectiva dos refugallos, cando menos de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros, e a recollida debería facerse logo de rematada a festa. Os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contentores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta