Temas: SáLVORA ADEGA

Voluntarios erradicarán as especies invasoras de Sálvora

Un grupo de voluntarios de Adega eliminará as prantas invasoras e coidarán as charcas desta illa da Arousa durante os vindeiros tres días.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/07/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

ADEGA organiza xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas un campo de voluntariado ambiental que se celebrará os días 5, 6 e 7 de xullo. O lugar escollido para esta nova actuación é a illa de Sálvora no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta iniciativa continúa os traballos de eliminación de especies invasoras iniciados en 2015 así como as tarefas de estudo e mantenemento das charcas.

Membros de Adega na illa de Sálvora
Membros de Adega na illa de Sálvora | Fonte: Adega

Adega destaca que as especies exóticas invasoras (EEI) son a segunda causa de extinción de biodiversidade no planeta, porén esta ameaza chega a ser a principal causante da perda de especies nas illas. "Nestes ecosistemas tan singulares a introdución de EEI, é moito máis daniña, e por tanto máis importante a súa eliminación e control", indica nun comunicado.

Precisamente, a asociación ecoloxista lembra que xa conta cunha ampla traxectoria na xestión de voluntariado en toda Galiza, especialmente no traballo con especies exóticas invasoras, é por iso que organiza un campo de tres días para traballos voluntarios nesta illa. O campo comezará este martes á tarde co desprazamento ata a illa de Sálvora. Unha vez alí realizarase unha charla formativa sobre o proxecto e as actividades de eliminación de EEI.

O mércores están programados os traballos de campo para os cales os participantes se dividirán en varios grupos. O xoves haberá unha posta en común dos traballos realizados. Ademais haberá actividades complementarias como roteiros pola illa ou observación de aves e cetáceos e obradoiros de astronomía e astrofotografía (se o tempo o permite).

Nesta actividade participarán 12 persoas voluntarias, que contarán con seguro de accidentes, comida e aloxamento na illa. Máis de 40 persoas ficaron en lista de espera, xa que as prazas son limitadas.

Parque Nacional das Illas Atlánticas

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia é un espazo natural cun importante valor para a conservación da biodiversidade, é por iso que é un dos dous Parques coa denominación Marítimo – Terrestre do Estado. Neste espazo protexido tanto os ecosistemas acuáticos como os terrestres destacan polo seu valor ecolóxico e pola necesidade imperiosa da súa conservación.

Ademais posúe diversas especies invasoras tanto de flora como de fauna, que levaron a desenvolver ao longo dos anos programas e investigacións centradas no seu control. Unha parte destes programas é a centrada na divulgación da problemática entre a cidadanía, e a creación de espazos de participación como é o voluntariado ambiental.  

Temas: SáLVORA ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta