A Xunta cre que o problema do mozo afogado en Ribeira é que o helicóptero chegou antes de tempo ao hospital

Feijóo di que os tempos de rescate se cumpriron pero o problema estivo na proximidade do areal co hospital, “que foi determinante para ese desaxuste”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/07/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Unha das razóns polas que errou o operativo de rescate do mozo  que faleceu afogado o pasado domingo na Praia do Vilar en Ribeira (A Coruña) foi que o helicóptero chegou moi rápido ao hospital do Barbanza pola proximidade do areal con este centro médico, o que motivou que o persoal sanitario non estivera preparado.

Helicóptero de urxencias sanitarias do SERGAS do 061
Helicóptero de urxencias sanitarias do SERGAS do 061

Así o explicou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ao ser preguntado por Galicia Confidencial. Así, o presidente galego suliñou que xa se abriu unha investigación interna que deixou dúas conclusións; a primeira foi que os tempos do rescate se cumpriron e a segunda, que a distancia entre a praia e o hospital era moi curta e iso, dixo, “foi determinante para ese desaxuste”.

Por iso, considerou “excepcional” ese erro de coordinación de salvamento, xa que o helicóptero chegou antes de que os sanitarios estiveran preparados a pe de pista. Esta situación motivou que o propio persoal do Pesca 1 que trasladaba ao mozo o tivera que coller por pernas e brazos para trasladalo, a pé e á carreira, ata o servizo de Urxencias.

En todo caso, Feijóo recoñeceu que a Xunta terá que revisar os protocolos de salvamento porque, dixo, “non ten sentido que non haxa persoal sanitario esperando a unha persoa enferma que se traslada nun helicóptero”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

1 nunhesVMeY

A culpa foi do afogado por afogar. Pasemos a outra cousa.