Os fisioterapeutas alertan dos riscos para a saúde das masaxes que se ofrecen en rúas e praias

As persoas que acceden a someterse a este tipo de masaxes de xente sen título expóñense a contaxios, infeccións e lesións moi graves, alerta o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 18/07/2016 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O Colexio Oficial de Fisioterapeuta de Galicia (CoFiGa) alerta nun novo vídeo dos perigos e riscos para a saúde que supón someterse ás masaxes que se ofrecen nas rúas e praias do noso litoral, principalmente nos meses de verán, por parte de individuos sen ningún tipo de preparación e título profesional.

Campaña contra o intrusismo na fisioterapia
Campaña contra o intrusismo na fisioterapia | Fonte: CoFiGa.

"As persoas, na maioría dos casos turistas, que se someten a este tipo de masaxes, expóñense sen sabelo a contaxios e infeccións, ademas de lesións máis graves que poden levar mesmo á tetraplexía, ao deixar que persoas sen titulación oficial recoñecida por Sanidade manipulen os seus músculos, a súa estrutura ósea e a súa dermis", explican os fisioterapeutas galegos.

Neste sentido, lembran que para evitar riscos e recibir tratamentos con garantías, "os problemas de saúde deben ser tratados en centros sanitarios e só por profesionais sanitarios", como é o caso dos fisioterapeutas, e non por intrusos que poden poñer en serio risco o noso benestar.

Polo tanto, instan aos cidadáns a "rexeitar ese tipo masaxes practicadas na rúa ou nas praias", evitando con iso non só expoñerse a riscos para a saúde, senón tamén a explotación destes “falsos masaxistas que en moitas ocasións vense obrigados a traballar en condicións hixiénicas e ambientais prexudiciais".

CAMPAÑA “12 MESES, 12 CONSELLOS DE SAÚDE”

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) realiza estas recomendacións, conxuntamente cos colexios de Madrid, Cataluña, País Vasco e Navarra, cun novo videoconsello da campaña “12 meses, 12 consellos de saúde”.

CoFiGa é unha institución que representa a nivel autonómico aos máis de 2.400 fisioterapeutas que exercen na nosa comunidade. Os seus obxectivos son a salvagarda dos principios deontolóxicos e ético-sociais da Fisioterapia, a defensa e a promoción da saúde e o benestar dos cidadáns de Galicia, en colaboración cos poderes públicos, así como a promoción a nivel científico, cultural, económico e social dos fisioterapeutas colexiados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta