Portugal, receptivo ás propostas de impulsar o Camiño e as infraestruturas con Galicia

O Presidente da República de Portugal recibiu ao Eixo Atlántico no Palacio de Belem, en Lisboa.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/07/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Presidente do Eixo Atlántico acompañado polo Vicepresidente, Alfredo Rodríguez, e polo Secretario Xeral, Xoan Vázquez Mao, foron recibidos esta tarde en audiencia polo Presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, no Palacio de Belem, en Lisboa. Unha xuntanza na que o máximo mandatario portugués amosouse receptivo a impulsar o Camiño portugués e as infraestruturas con Galicia.

O Presidente do Eixo Atlántico acompañado polo Vicepresidente, Alfredo Rodríguez, e polo Secretario Xeral, Xoan Vázquez Mao, foron recibidos en audiencia polo Presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa
O Presidente do Eixo Atlántico acompañado polo Vicepresidente, Alfredo Rodríguez, e polo Secretario Xeral, Xoan Vázquez Mao, foron recibidos en audiencia polo Presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa

O Eixo Atlántico expúxolle ao Xefe de Estado portugués a conveniencia de que Portugal candidate o Camiño Portugués de Santiago a Patrimonio da Humanidade, así como que as máximas instancias do país impulsen o Camiño Portugués até colocalo ao mesmo nivel que o Camiño Francés, no horizonte de 2021, próximo Ano Santo.

Ademais, informóuselle sobre as cuestións máis urxentes que afectan ao desenvolvo socio económico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que son fundamentais para contribuír ao desenvolvemento post crise, cuestións que deberían ser abordadas no próximo Cume Ibérico entre Portugal e España, e que o Eixo Atlántico tratou con diversos ministros do goberno portugués.

O Interese do xefe do Estado nestas cuestións sería, en opinión dos dirixentes do Eixo Atlántico, “de especial importancia para mellorar os resultados dos Cumes Ibéricos, que non sempre cubriron as expectativas creadas”.

Infraestruturas

Neste contexto informouse o Presidente da situación das infraestruturas, especialmente da Liña do Miño e da conexión de mercadorías por ferrocarril entre Aveiro-Salamanca-fronteira francesa, que se a día de hoxe experimentaron un desbloqueo importante co actual goberno portugués, sinalan, os tempos de execución, no caso da liña do Miño e os trámites previos nas obras da Rede Transeuropea de Transportes ferroviarios, podería recortarse para aproveitar o incremento do tráfico marítimo na fachada atlántica tras a recente inauguración da ampliación da Canle de Panamá.

A axenda da reunión incluíu, como elementos principais, o Camiño Portugués de Santiago e as estratexias de mobilidade e infraestruturas para o desenvolvemento económico do Norte de Portugal e a súa conexión con Galicia e coa Rede Transeuropea de Transportes. Neste sentido, o Eixo Atlántico xa non fala da conexión ferroviaria entre Vigo e Porto, senón da conexión de alta capacidade entre A Coruña e Lisboa, que vertebre a fachada Atlántica Ibérica.

Tamén se lle informou da situación dos territorios de fronteira e as principais trabas que aínda existen para o necesario desenvolvemento socioeconómico destes territorios. Por último, convidouse a Marcelo Rebelo a presidir o acto central da conmemoración dos 25 anos do Eixo Atlántico que se celebrará en Braga, o próximo ano, 2017.

Esta celebración producirase no contexto dun congreso no que se debaterá con representantes das institucións e a sociedade civil da Eurorrexión a Axenda Urbana que o Eixo Atlántico está a elaborar desde hai dous anos.

Este documento de planificación estratéxica no que participan numerosos expertos europeos de alto nivel, pretende elaborar un catálogo de actuacións que propor aos concellos para mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, impulsar a creación de emprego e mellorar a transparencia e a participación cidadá nas institucións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Españolistas dades noxo

Estes lusistas só pensan en Portugal, non vedes que o futuro está en exportar por terra a Madrid, atravesando os desertos despoboados de Castela en vez de vender aos 3 millóns de portugueses que moran xusto ao lado da fronteira? Estes nacionalistas...