Temas: REGANOSA

O Supremo anula o Plan de emerxencia exterior de Reganosa e a empresa di que ten outro novo

O órgano xudicial entende que o plan "non se axusta a dereito" porque a situación da planta non se recolle no PXOU de Mugardos. A empresa responde que conta con outro plan de emerxencia en vigor diferente ao anulado polo alto tribunal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2016 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo estimou o recurso imposto pola Plataforma de Veciños o 'Cruceiro de Mehá e declarou nulo o Plan de emerxencia exterior da planta de Reganosa na Ría de Ferrol por "non ser axustado a dereito". A Sala Terceira do Supremo ditou, nunha sentenza con data de 26 de xuño de 2016, a anulación do decreto e do plan, aprobados en 2007 pola Xunta de Galicia, así como a dunha sentenza de 2014 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na que desestimaba o recurso imposto polas asociacións de veciños.

Planta de Reganosa en Mugardos
Planta de Reganosa en Mugardos | Fonte: www.gnlglobal.com

Reganosa saíu ao paso desta sentenza asegurando que o plan declarado nulo polo Supremo non está en vigor, xa que a gaseira conta con outro aprobado en 2013 pola Xunta de Galicia, a través do decreto 156/2013, no que se actualizaban os plans de emerxencias das empresas químicas situadas en Galicia, entre elas, Reganosa.

En xullo de 2007, o Consello da Xunta, entón presidida polo socialista Emilio Pérez Touriño, aprobou mediante o decreto 144/2007 o Plan de emerxencia da planta da empresa Regasificadora do Noroeste no Concello de Mugardos (A Coruña). As asociacións veciñais que se opoñen á presenza da gasera na ría ferrolana —Plataforma de Veciños o 'Cruceiro de Mehá e a Federación de Asociacións Veciñais de Ferrol— presentaron un recurso pola vía contencioso-administrativa ao plan.

O 20 de marzo de 2014, o TSXG desestimou o recurso presentado polas asociacións veciñais ao entender que "non é relevante" a relación entre a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOU) de Mugardos e o plan de emerxencia de Reganosa.

ANULADA A SENTENZA DO TSXG

Agora, o Supremo entende que para "realizar un Plan de Emerxencia Exterior cun mínimo de eficacia se ha de ter en conta a localización ou situación da instalación", co obxectivo de "previr riscos".

"Ata tanto non se determine nunha nova formulación urbanística esa localización, non é posible aprobar un eficaz Plan de emerxencia exterior", polo que o Supremo estima que o recurso debe ser admitido e a sentenza do TSXG anulada.

Ademais de que o plan "carece de cobertura urbanística", o órgano xudicial estatal entende que o plan "non é axustado a dereito" porque a autorización administrativa e o plan de execución foron anulados" por dúas sentenzas do Supremo, ditadas en marzo e abril deste ano.

"Non é acorde co ordenamento xurídico aplicable a aprobación dun Plan de emerxencia exterior para a instalación dunha planta, a autorización administrativa previa da cal foi anulada, ao igual que o proxecto de execución da devandita instalación", sinala a sentenza.

Así mesmo, declara que a resolución do pasado 7 de xullo na que a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas outorga a Reganosa autorización administrativa e, por outro lado, aproba o proxecto de execución das instalacións da planta "non altera" a decisión do Supremo, xa que o Plan de emerxencia deberá aprobarse de acordo á fixación dunha localización no PGOU de Mugardos e á autorización coa que "ao parecer" conta agora a gasera.

Por último, resolve que non impón a asunción das costas causadas polo proceso ao "non se apreciar temeridade nin mala fe" na actuación dos litigantes".

Temas: REGANOSA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ártabro

Dicionario da RAG: Emerxencia: Acción e efecto de emerxer. É incorrecto o uso desta palabra co significado de urxencia.