O DAFO das Mareas

Quen non utilizou algunha vez isto dos DAFOs? Xa sabedes, a análise estratéxica a partir dos catro eixos: Debilidades, Ameazas, Fortalezas, Oportunidades. Coido que non sería mala idea aplicalo á candidatura de En Marea.

Por Marcelino Fdez. Mallo | | 26/08/2016

Comparte esta noticia
Adoita empregarse dun xeito abondo simple pero mesmo así, coido que o exercicio resulta interesante. Trátase en esencia de identificar as circunstancias externas e internas dun maior impacto potencial para unha organización e definir as liñas de actuación como resposta a eses factores. Vexamos o caso:
 
Como principais factores positivos internos de En Marea a potenciar –Fortalezas– coido que  habería que subliñar esa condición de nova política coa que se identifica e que implica unhas pautas limpas de conduta e unhas fórmulas anovadas para enfrontar os problemas necrosados nos tecidos sociais e económicos do País. Haberase demostrar que tales fórmulas existen e que hai capacidade de poñelas en práctica con eficacia e resultados tanxibles. 
Como factores negativos internos –Debilidades– resulta doado sinalar a falta de cohesión que se transmite ó electorado vistas as distintas posturas que chegan dende as diversas sensibilidades que conforman En Marea. Semella evidente a necesidade de fixar un discurso único de cara ás eleccións, minimizar os posicionamentos enfrontados e deseñar unha política de comunicación que evite as contradicións internas. 
 
No eido externo, as grandes Oportunidades proceden da ampla sección de poboación desencantada cos políticos “tradicionais” así como coa perenne xestión dun Partido Popular que trata o país coma unha realidade sometida polas súas eivas ancestrais e vencida polas tendencias universais. Esa poboación existe pero é preciso mobilizala, convencela e mesmo ampliala. 
 
Normalmente, o éxito final da estratexia descansa no modo de resolver as Ameazas que chegan da contorna. Coido que este caso non será unha excepción. Unha primeira ameaza virá dos partidos que compitan por un espazo electoral con áreas comúns. A contenda semella  inevitable pero conviría a toma de conciencia por parte das tres candidaturas –En Marea, PSdeG, BNG– sobre a situación do País, e tamén sobre a necesidade que terán de gobernar xuntos, lealmente xuntos. 
 
Mais a peor Ameaza para En Marea non procede do ámbito político senón do informativo. Galicia leva décadas funcionando a partir da ecuación “Eu mantéñote en actividade (a Xunta), ti mantesme no poder (os Medios)”. É tremendo pero namentres non se rache esa viciosa e lucrativa relación, o País continuará ancorado no lameiro espurio do clientelismo que tanto condiciona as súas estruturas e funcionamento. 
 
En Marea (PSdeG e BNG tamén) deberían artellar de vez un potente sistema alternativo de comunicación que consiga transmitir á maioría, isto é, ao cidadán da rúa (nos fogares, nas oficinas, nos centros de produción, nos comercios, no campo, no mar...), a súa proposta de renovación e progreso e outrosí o labor pernicioso dos gobernos do PP responsables principais do retroceso no que Galicia leva instalada dende décadas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego