Galicia reduce fumadores, entre os que aumenta o consumo de tabaco de lear pola crise

A porcentaxe de consumidores de tabaco reduciuse do 25,4% en 2007 ao 21,8% en 2015, período no que aumentaron un 16,8% os fumadores que se pasaron ao tabaco de picadura, segundo un estudo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, da Universidade de Santiago e da Consellería de Sanidade.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/08/2016 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Lonxe quedan xa os tempos nos que fumar era un acto glamuroso e os cartóns de tabaco de contrabando formaban parte da vida cotiá dunha Galicia que semellaba o escenario ideal para unha película de gánsters de Martin Scorsese. A lei antitabaco, unha maior concienciación social sobre os graves problemas de saúde que causa, o aumento do seu prezo e a crise económica veñen contribuíndo ao descenso progresivo do seu consumo en Galicia e a mudanzas nos hábitos dos fumadores. Así, na última década, entre 2007 e 2015, a prevalencia global do consumo de tabaco na poboación galega caeu un 3,6 por cento, pasando do 25,4 por cento ao 21,8. Ao mesmo tempo, entre os fumadores aumentaron notablemente os que consomen tabaco de lear, en concreto, un 16,8 por cento, pasando de tan só un 1,8 por cento en 2007 a un 18,6 en 2015.

Fumar é a principal causa de mortalidade evitable.
Fumar é a principal causa de mortalidade evitable.

Son datos dun amplo estudo realizado por investigadores do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, da Universidade de Santiago e da Consellería de Sanidade, recentemente publicado na revista científica Gaceta Sanitaria. Os investigadores valéronse da información aportada por cinco estudos transversais, independentes, realizados entre os anos 2007 e 2015 en maiores de 15 anos, con tamaños de mostra próximos a 8.000 enquisas ao ano. Estimáronse prevalencias de consumo, acompañadas dos seus intervalos de confianza do 95%, global, en función do sexo e en grupo de edad, ámbito de residencia y nivel de estudios.

Entre 2007 e 2015, a prevalencia de consumo de tabaco diminuíu en Galicia e aumentou a prevalencia de fumadores que consomen tabaco de lear en todos os grupos da mostra.

En calquera dos cortes temporais, a prevalencia global de consumo foi máis alta entre os homes, no grupo de 25 a 44 anos de idade, no medio urbano e na poboación con estudos medios e superiores.

A crise económica contribuíu ao aumento do consumo de tipos de tabaco que eran minoritarios, como o de lear ou os cigarros electrónicos.

O consumo de tabaco de lear, diario ou ocasional, foi máis frecuente nos fumadores homes en todos os cortes, pero as diferenzas relativas na prevalencia coas mulleres diminuíron co paso dos anos. Ademais, o aumento na prevalencia de consumo de tabaco de lear observouse en todos os ámbitos, especialmente no urbano, cun crecemento entre os máis mozos e con estudos superiores.

Este aumento do consumo de tabaco de lear —máis barato— produciuse, segundo os expertos, pola crise económica.

Os cambios asociados ao aumento do consumo de tipos de tabaco que eran minoritarios tamén se observaron coa introdución dos cigarros electrónicos. A prevalencia de consumo destes foi, en 2014 e 2015, do 0,7%. E é no ámbito urbano onde se observan prevalencias máis altas.

Nas súas conclusións, os autores do estudo salientan que "o auxe do tabaco de lear e a introdución dos cigarros electrónicos reflicten a importancia de manter sistemas de vixilancia que poidan identificar de forma inmediata cambios de comportamento asociados ao consumo de tabaco".

-----------------------------------------------------------------

Marina Tarrazo, Mónica Pérez-Ríos, María I. Santiago-Pérez, Alberto Malvar, Jorge Suanzes, Xurxo Hervada. (In press). Cambios en el consumo de tabaco: auge del tabaco de liar e introducción de los cigarrillos electrónicos. Gaceta Sanitaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta