Investigadores do CSIC e da UVigo obteñen a primeira versión do xenoma do mexillón galego

É o primeiro paso para iniciar o estudio dos xenes deste molusco ata alcanzar a súa secuenciación e anotación completa.

Por E.P. | VIGO | 02/09/2016 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Universidade de Vigo lograron obter a primeira versión do xenoma do mexillón galego, o primeiro paso para iniciar o estudio dos xenes deste molusco ata alcanzar a súa secuenciación e anotación completa.

Polígono de bateas
Polígono de bateas | Fonte: C.R. Mexillón de Galicia.

Estas primeiras investigacións, publicadas na revista SCI PLOS ONE, son froito de cinco anos de traballo conxunto entre o Grupo de Filoxenómica da Uvigo e do Grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo.

Neste traballo, financiado pola Xunta de Galicia, os investigadores do CSIC encargáronse do traballo de laboratorio e análise dos xenes de inmunidade, mentres que os científicos da universidade se ocuparon da ensamblaxe e anotación das secuencias.

Así, se descubriu que o xenoma do mexillón é moi complexo, cun alto contido de secuencias repetidas e un elevado número de polimorfismos. En comparación cos xenomas doutros moluscos, identificouse un maior número de xenes con funcións adaptativas, como a detoxificación e mantemento de estruturas ciliares.

Os científicos completarán o xenoma nos próximos meses para coñecer mellor o comportamento xenético deste molusco, o que pode permitir explotar no futuro o seu potencial biotecnolóxico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta